Os Concertos do Xacobeo enchen de blues Vilanova de Arousa esta fin de semana co Festival Vilablues
O Vilablues Mar de Santiago encherá dos mellores sons Vilanova de Arousa co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Así o presentou en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que recordou que celebrará a súa 10ª edición na vila pontevedresa.
Como dixo, a cita ten como obxectivo “converter a Ría de Arousa no corazón do blues atlántico, fusionando cultura, música e territorio con tradición, espiritualidade e ritmo, ofertando unha experiencia única na antesala do Camiño de Santiago marítimo-fluvial”, explicou. Recordou, ademais, que se enmarca na máis de trintena de eventos que Turismo de Galicia apoia na provincia de Pontevedra baixo a marca Concertos do Xacobeo.
O festival conta con diversas localizacións espalladas por toda a vila: os Xardíns de Umbrío, o Parque do Cabo, a Igrexa da Pastoriza, a Praza do Parque, o Auditorio do Terrón e a área biosaudable do Terrón. Neles desenvolverase un programa multidisciplinar aberto a públicos de todas as idades, con atardeceres musicais, masterclasses, conferencias, concertos, exposicións, proxeccións, mercado, entre outras.
O cartel artístico está confirmado por destacadas figuras do blues como Shirley Davis & The Silverbacks, The Blues Moonshiners, Los Deltonos, The Pontiaks, Adrian Costa, Mad Martin, Nico Wayne Toussaint, Víctor Fábregas, TT Syndicate, Joe Do & The Blues Preachers e Gisele Jackson.
En palabras do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia non podían faltar nesta singular cita, o Vilablues, “un proxecto que aposta pola promoción dun turismo de calidade e que supón un revulsivo para a dinamización da economía local de Vilanova de Arousa, xerando sinerxías entre hostalería, comercio e cultura, cun retorno económico relevante e inmediato para esta rica contorna”. Merelles quixo convidar, tamén, a todos os públicos, locais e visitantes, a gozar dunha cita que é “unha reunión de confraternidade entre artistas e público, fusionando cultura, lecer e turismo de calidade, nun cruce único de tradición, música e natureza”.
Máis de 800 en toda Galicia
Como dixo, a Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.