Xosé Merelles e o alcalde de Caldas de Reis repasan os bos resultados do Camiño Portugués ao seu paso por este municipio
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro co alcalde do Concello de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, no que os dous coincidiron nos bos resultados que está a rexistrar o Camiño Portugués que, con máis de 67.000 peregrinos e un ritmo de crecemento do 5% este ano, é a segunda ruta máis transitada. O Camiño Portugués discorre por este municipio que ten na Ponte de Bermaña un dos seus principais puntos de interese.
O director de Turismo e o rexedor de Caldas tamén fixeron un repaso polo bo escenario turístico que se vive este verán neste concello e tamén pola potencialidade que ofrecen os seus recursos turísticos, entre os que se atopa a oferta termal. Os dous se amosaron abertos a colaborar para seguir implementando a actividade turística como dinamizadora da economía local e fonte de riqueza para o municipio.