Xosé Merelles destaca o valor natural e turístico do Castro de Baroña que leva recibidas case 10.000 visitas este verán
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou o castro de Baroña, un dos recursos turísticos da comunidade que achegan singularidade e natureza á oferta turística de Galicia. Situado no istmo da Punta do Castro, na parroquia de San Pedro de Baroña, este xacemento constitúe un dos principais exemplos de castros marítimos de Galicia. Durante a súa visita, Xosé Merelles recalcou o bo comportamento das visitas ao castro durante os meses centrais do verán, con case 10.000 visitas sumadas entre xullo e agosto.
En concreto, no mes de xullo Baroña foi visitado por 4.510 persoas, un 17% máis que no mesmo mes de 2024. Destas, un 85% correspondeuse con turistas nacionais. Entre os e as visitantes do mercado internacional destacan as recibidas de persoas de Francia (26,8%), Alemaña (12%), Estados Unidos (9,9%) e Bélxica (7,5%). Ata o 24 de agosto rexistráronse 5.214 visitantes.
Estes datos amosan certa continuidade cos doutros períodos de alta afluencia, como a Semana Santa, cando o número de visitas incrementouse nun 18%, ata as 536 persoas. Destas, un 83% procedían do mercado nacional.
Precisamente co obxectivo de coñecer o verdadeiro impacto dos visitantes, Turismo de Galicia ten previsto realizar proximamente un estudo dos fluxos turísticos do Castro de Baroña. Xosé Merelles salientou que esta análise “permitiranos reforzar a planificación e xestión do destino con novas ferramentas”, ao tempo que “nos dará as claves para a optimización da programación turística deste recurso”.
O director de Turismo de Galicia enmarcou as estatísticas de visitas no contexto de datos de visitantes rexistrados na provincia da Coruña ata xullo de 2025. Na primeira metade do ano, 1,28M de persoas rexistráronse en aloxamentos da provincia, realizando máis de 2,23M de pernoctacións. Estas cifras tradúcense nunha mellora do 0,5% e do 1,8%, respectivamente, en relación ao mesmo período de 2024.
Xosé Merelles puxo en valor a especial singularidade do castro, que desde 2011 está considerado como Ben de Interese Cultural. A súa localización, na praia de Área Longa, incrementa a súa relevancia a nivel de patrimonio natural, así como recurso cultural e turístico que se remonta aos primeiros poboamentos castrexos da comunidade. O emprazamento estivo habitado entre os séculos IV a.C. e I d.C.