28 ago 2025

O Festival de la Luz regresa esta fin de semana a Boimorto co apoio dos Concertos do Xacobeo

O festival máis familiar volve a Galicia baixo o paraugas dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. O Festival de la Luz celebra en Boimorto, na finca natal de Luz Casal, unha nova edición desta decana cita do calendario musical galego, cunha ecléctica oferta e máis de 30 horas de música en directo para todos os públicos. Cinco escenarios, zona gastronómica, mercado de artesanía, cociña en directo, actividades paralelas e toda clase de xogos para os máis pequenos conforman a proposta deste evento imprescindible nun entorno rural único, que ofrece distintas formas de facer e vivir a música cun obxectivo solidario.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, supervisou a montaxe deste evento no que se darán cita máis de corenta de bandas e artistas con nomes coma Rozalén, Califato ¾, Tanxugueiras, Ariel Rot, Heredeiros da Crus, Depedro, Dulce Pontes, Coti, Ultraligera, Rigoberta Bandini, Vivir Quintana, Mafalda Cardenal, Los Toreros Muertos, Triana, Mondra, entre outros.

A actividade musical do Festival de la Luz, no marco dos Concertos do Xacobeo, estenderase da mañá á noite durante tres intensas xornadas. O prime-time nocturno estará protagonizado por Coti o venres 29 e por Rozalén o sábado 30, mentres que, o domingo 31, as Tanxugueiras serán as encargadas de botar o pano do evento.

Tanto os abonos do Festival da Luz como as entradas de día para o venres e o sábado están xa esgotados, mentres que aínda seguen dispoñibles as derradeiras entradas para a xornada do domingo, 31 de agosto, que poden adquirirse a través da páxina web www.festivaldelaluz.es.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon á disposición dos asistentes un espazo de lecer no marco da iniciativa divulgativa Van polo Clima, onde se organizan actividades lúdicas, participativas e informativas e se inclúen áreas de lecer, photocall, así como cunha furgoneta rotulada.

Esta actividade forma parte do programa Mocidade polo clima, que ten o obxectivo de implicar aos máis novos na loita contra o quecemento global ofrecendo información actualizada e relevante relacionada con este tema, actividades de carácter lúdico e distendido e charlas inspiradoras por persoas de referencia nesta materia.

Evento imprescindible

Durante a visita, o director de Turismo de Galicia subliñou que “os Concertos do Xacobeo repiten de novo a súa alianza cun evento imprescindible do noso calendario, o Festival de la Luz, se cabe, un dos máis singulares e comprometidos, pola súa filosofía solidaria e pola súa apertura ao público familiar, sen renunciar, nunca, á calidade e a diversidade no seu atractivo cartel”.

Xosé Merelles remarcou, tamén, “a vocación da Xunta de situar a Galicia como un destino sostible, atractivo e singular, co apoio a eventos como o Festival de la Luz, que dotan dunha identidade propia e única á nosa terra”.

O director de Turismo quixo enmarcar esta aposta na liña de traballo de promoción do seu departamento da proposta de verán do destino Galicia. Así, lembrou os bos resultados turísticos que se alcanzaron o pasado mes de xullo cando a provincia da Coruña recibiu a case 1,3 M de persoas que fixeron máis de 2,2 M de noites nos establecementos hoteleiros. Xosé Merelles salientou o crecemento do turismo nacional ese mes cun incremento de case o 4 % con respecto ao mesmo mes de 2024.

Concertos do Xacobeo, un programa plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest, Maresía, as diferentes edicións do Wake Up!, o Festival de la Luz e máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. En concreto, na provincia da Coruña, os Concertos do Xacobeo suman máis de medio centenar de eventos.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Arriba