Xosé Merelles salienta o traballo da Xunta no deseño dun Xacobeo 2027 cunha maior participación que alcance a toda Galicia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou nas XX Xornadas ‘Mar por Medio’, celebradas en Ribadeo. En concreto, Xosé Merelles interveu na mesa ‘Facendo Camiño’, na que compartiu experiencias con representantes do Principado de Asturias, o Senado español, as universidades de Santiago de Compostela e Oviedo, o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia salientou que o Goberno galego traballa no deseño e organización do Xacobeo 2027, para que este sexa “a expresión dun proxecto colectivo que ilusiona e implicará a toda a sociedade cun alcance a toda Galicia”. Neste sentido, salientou que hai uns días arrancaron os preparativos do Ano Santo co deseño dunha nova comisión interadministrativa que será o órgano xestor encargado de impulsar a participación do sector privado en proxectos relacionados co Xacobeo 2027.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles subliñou a achega da peregrinación tanto a nivel histórico e artístico como na súa influencia social na comunidade. Asemade, destacou a súa importancia como factor unificador, posto que “poucos feitos históricos como as peregrinacións a Compostela, construíron tanto a nivel social ao longo dos séculos, salvando diferenzas xeográficas, lingüísticas e de mentalidade”. Por iso, chamou a reflexionar sobre as aportacións do pasado “para ofrecer claves de futuro sobre as que cimentar e facer crecer o noso marco común europeo”.
Para isto, desde Turismo de Galicia estase a desenvolver o Plan Director dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia 2022-2027. Cun investimento de 140M€, o Plan configúrase como “unha ferramenta de xestión e unha folla de ruta” sobre a conservación e promoción das distintas rutas xacobeas de cara ao Ano Santo 2027 do que, destacou, se iniciaron os preparativos este mesmo mes.
O director da Axencia afondou nos distintos elementos que contempla o Plan, que inviste un 45% do orzamento na conservación, mellora, sinalización e mantemento do camiño e dos albergues públicos. Ademais, desde Turismo de Galicia estase a incidir noutros aspectos, como a revalorización de 10 Bens de Interese Cultural (BICs) situados no Camiño de Santiago ou a mellora da seguridade viaria, con actuacións en máis de 150 quilómetros que supoñen un gasto total de 40M€.
“Queremos que quen faga o Camiño en 2027 se atope cunha ruta ambiental, social e economicamente máis sostible pero tamén innovadora e adaptada ás necesidades da peregrinación actual”.
Máis de 414.000 persoas recolleron a Compostela no que vai de ano -un 5% máis que no mesmo período de 2024-, das que máis 17.000 o fixeron tras transitar o Camiño do Norte, que pasa por Ribadeo. As previsións son que se peche o ano sobrepasando en total o medio millón de camiñantes.
Organizadas pola Academia Xacobea e coa colaboración da Secretaria Xeral da Lingua, o Concello de Ribadeo e a Universidade de Santiago de Compostela, a vixésima edición destas xornadas artéllase baixo o lema ‘Ribadeo, encontro de Camiños’ e busca afondar no Camiño de Santiago e nos valores culturais que o acompañan. Desenvolveranse ata o vindeiro domingo 21 de setembro.