30 set 2025

A Xunta apoia a aposta de Aprometur para desestacionalizar a oferta turística do Grove coa promoción da gastronomía local

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo unha reunión co presidente da Asociación para a Promoción Meca do Turismo (Aprometur), Oscar Fernández, con quen analizou distintos proxectos de promoción turística no Concello do Grove.

Entre as iniciativas que a entidade pretende poñer en marcha a curto prazo está a organización da segunda edición do Micogrove, un proxecto focalizado na micoloxía co que esperan atraer e expertos e interesados neste mundo no mes de novembro. O director de Turismo de Galicia eloxiou este tipo de iniciativas “que serven para incrementar a oferta complementaria nun concello tan turístico coma O Grove que precisa iniciativas que atraian o visitante fóra de tempada”.

Micogrove Inclúe actividades micolóxicas, xogos, concursos  e showcookings e terá lugar do 28 novembro ao 8 decembro. Ademais, este ano inclúe como novidade un concurso de tapas con setas que será a antesala doutro evento gastronómico que terá lugar tamén no Grove na vindeira primavera e que implicará o compromiso do sector local da restauración.

Ademais, os responsables de Aprometur trasladáronlle ao director de Turismo de Galicia a vontade de participar na vindeira edición de Xantar do 21 ao 23 de novembro cun stand propio para promocionar a celebración de Micogrove.

Aprometur é unha asociación de pequenos empresarios do sector turístico do Grove de recente creación que ten como obxectivo promover iniciativas dirixidas ao desenvolvemento turístico sostible da zona e mellorar o rendemento das empresas do sector. Está conformada por 85 socios que agrupan representantes de toda a actividade local relacionada co turismo.

Arriba