Belén do Campo asiste na Coruña ao espectáculo de maxia internacional “Galicia ilusiona”
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu na cidade herculina a unha das funcións do espectáculo internacional de maxia Galicia Ilusiona, que chega á súa cuarta edición consolidado como un dos grandes eventos culturais e turísticos de Galicia.
O festival, que conta co apoio da Xunta de Galicia, celebra nesta edición 8 citas, e 27 funcións, en diferentes localidades galegas. A programación comezou en Cangas, continuou en Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo, e recala hoxe e mañá na Coruña, antes de pechar o seu percorrido en Ferrol os días 18 e 19 de outubro.
Nesta cuarta edición, a organización agarda repetir o éxito de participación das anteriores, nas que se congregaron espectadores de máis de 30 países. Ao longo das catro edicións, estímase que Galicia Ilusiona superará os 100.000 asistentes, consolidándose como un dos festivais de maxia máis importantes a nivel internacional.
A programación inclúe a participación de recoñecidos artistas internacionais multipremiados, moitos deles en Galicia por primeira vez. Entre eles destacan Seimei, mago coreano galardoado coa Variña de Ouro de Monte Carlo; a Compañía Mag Edgard, premio FISM Turín 2025 ao mellor espectáculo mundial; o galego Nacho Samena, premio nacional de maxia 2024; David Burlet, recoñecido como mellor malabarista francés durante tres anos consecutivos; e o Mago Murphy, mestre de cerimonias con múltiples premios nacionais ao mellor presentador de galas internacionais.
A Xunta de Galicia continúa así a súa aposta pola promoción de eventos culturais e turísticos de primeiro nivel, que contribúen á proxección exterior de Galicia e á dinamización económica das cidades e concellos galegos.