A Xunta salienta a contribución do Balneario de Arnoia para atraer a Ourense novos perfís de turistas nos últimos 30 anos
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu ao 30 aniversario da creación do Balneario de Arnoia, un evento no que puxo en valor o papel a traxectoria do Balneario de Arnoia á hora de poñer en valor a aposta que desde a Xunta de Galicia se está a facer polo turismo termal, que concentra importantes recursos nos últimos anos.
No acto, que tamén contou coa presenza da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, lembrou a relevancia de Galicia no termalismo, a segunda rexión máis importante en toda Europa con máis de 300 mananciais e sete dos oito principais grupos de augas mineromedicinais. Engloba, ademais, o 20% de establecementos deste tipo en España, cunha oferta que suma preto de 3.000 prazas de aloxamento, das que dous de cada tres son de alta gama.
“Desde a Xunta de Galicia recoñécese este potencial como un dos principais recursos a desenvolver a nivel turístico”, sinalou o director de Turismo de Galicia. Merelles repasou algún dos principais movementos desde o Executivo autonómico neste eido, como a creación da Área de Turismo Termal en 2023 ou a posta en marcha do Plan de Turismo Termal posto en marcha este ano, con accións no horizonte 2028.
En concreto, activáronse dúas liñas de axudas no eido do termalismo, centradas na posta en marcha de novos proxectos e na renovación dos establecementos xa existentes que se veñen a sumar ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos históricos, cunha inversión prevista de máis de 21 millóns de euros ata 2026 con fondos europeos Next Generation.
Este tipo de turismo contribúe significativamente á desestacionalización da oferta e á súa redistribución territorial, incidiu o director de Turismo de Galicia, e apóiase noutros recursos, como a oferta enogastronómica e o patrimonio natural e histórico, “co que se enriquece esa experiencia única que queremos que sexa a marca de calidade do turismo en Galicia”, sintetizou.