A Xunta pón en valor a 5ª edición da ruta de BTT do Viño de Valdeorras para a promoción turística da comarca
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este domingo á saída da 5ª edición da Ruta de BTT do Viño de Valdeorras. A iniciativa ten por obxectivo promover o territorio vitivinícola de Valdeorras vinculalo á práctica deportiva, como ferramenta para impulsar o interese turístico da zona.
Xosé Merelles destacou o potencial deste tipo de eventos para a promoción turística do destino e desta concretamente “que permite gozar da riqueza paisaxística, natural e cultural da comarca de Valdeorras”. A actividade está organizada pola Ruta do Viño Valdeorras co apoio de Turismo de Galicia. Trátase dunha proba deportiva non competitiva con dúas modalidades de ruta: unha longa, de 43,5 quilómetros, e a curta, con 37,5 quilómetros. Para as persoas acompañantes, ofrécese como actividade complementaria a posibilidade de realizar un paseo polos viñedos e a cata de catro viños das bodegas asociadas á ruta.
Este constitúe unha das distintas apostas que desde a Xunta de Galicia se están a facer para promocionar o turismo en Valdeorras. Como exemplo, o Plan de sustentabilidade en destino Valdeorras Ruta do Viño Milenaria ten prevista unha inversión de 1,5M€. Varios concellos incluídos resultaron ademais beneficiarios das axudas a municipios de menos de 10.000 habitantes, ata un total de 149.910,18€. A isto hai que sumar as achegas a proxectos tractores de enogastronomía da zona, que sumaron 397.953,55€. Xunto con outros convenios e medidas, a inversión total nos concellos de Trevinca-Valdeorras supera os 2,8M€.