Os aloxamentos hoteleiros galegos ingresaron máis de 366 M€ entre xaneiro e setembro deste ano
Máis de 6M de persoas visitaron Galicia de xaneiro a setembro deste ano superando os 11M de noites en establecementos da comunidade, o que supuxo un incremento do 3,2% en visitantes e 2,6% en demanda, que medra por riba da media do conxunto de España rexistra no 1,5%.
Así o fixo público o Instituto Nacional de Estatística (INE) que indica que no sector hoteleiro (hoteis e pensións) se aloxaron máis de 4,2M visitantes, rexistrando un crecemento do 2,3%. Os ingresos hoteleiros de xaneiro a setembro ascenderon a 366,4 M€ , un 5,4% máis que no mesmo período de 2024.
Precisamente, o segmento hoteleiro rexistra o 70% da demanda total que se distribúe nun 56% en hoteis e un 14% en pensións. O 30% restante corresponde aos aloxamentos extrahoteleiros: un 11% en cámpings, un 9% en albergues, un 7% en apartamentos turísticos e un 3% en turismo rural.
Por mercados, o 71% da demanda corresponde ao turismo de ámbito nacional, porcentaxe que engloba ao interno -dos residentes en Galicia, segmento que supón o 23% do total- e ao que procede das restantes comunidades autónomas -mercado receptor nacional, que representa o 48%-. O mercado internacional absorbe o 29% do total da demanda, peso superior ao do interno. Por mercados, os mercados estranxeiros que medraron foron EEUU, que incrementou o 13,5%, Reino Unido tamén cunha suba do 13,3% e Alemaña que incrementou o +2,1%.
Cabe salientar que que atinxe a demanda, tanto o mercado nacional coma o internacional acadan senllos máximos da serie histórica con 5,36 millóns de noites no caso do nacional e máis de 3,3 millóns de noites no internacional.
Os datos do INE tamén recollen o comportamento só no mes de setembro cando visitaron Galicia 878.106 persoas facendo máis de 1,5 millóns de noites.
 
 