A Xunta destina en 2026 máis de 125M€ a xestionar o crecemento sostido do turismo na comunidade e á preparación do Xacobeo 2027
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu no Parlamento de Galicia para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2026, que, como dixo, ascenden a 125.920.028€ que permitirán “afrontar o crecemento sostido da demanda turística e prepararnos para o Xacobeo 27”. Estas contas marcan a primeira metade desta lexislatura, e “o noso obxectivo é dar resposta a toda realidade turística actual e consolidarnos como un destino que sabe medrar e que é quen de repartir os beneficios que a actividade turística trae consigo no territorio”.
Segundo explicou o director de Turismo, estes orzamentos permitirán avanzar na modernización e formación do sector, con medidas concretas para mellorar a eficiencia enerxética e para aumentar a capacidade aloxativa da comunidade con novos establecementos e tamén con novas infraestruturas para impartir formación práctica e de calidade. Ademais, reforzase a internacionalizaicón en mercados estratéxicos e afianzarase a monitorizacion do destino para mellorar a mobilidade en concellos pequenos e en lugares de afluencia con estudos para optimizar os accesos e ordenar os fluxos turísticos de visitantes e peregrinos.
“Os orzamentos terán tamén en conta a proximidade da celebración de dous anos santos nun quinquenio -o do ano 2027 e o do 2032-, tendo moi en conta a transcendencia estratéxica que ten o Xacobeo tanto na economía galega como na proxección do destino a longo prazo”, subliñou.
A través da creación de novas sinerxías creadas no marco do Xacobeo 27, o director de Turismo afirmou que “buscamos que esta celebración cree unha base de promoción de Galicia sólida para o crecemento sostible de Galicia a todos os niveis e que consolide a imaxe internacional da Comunidade galega como destino auténtico e tamén innovador”.
Durante a comparecencia, Xosé Merelles salientou o orzamento do seu departamento para 2026 que supón máis de 125M€ que se traduce nunha merma do 14,17% debido ao peche de ciclo dos fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que “xa foron executados a tempo cumprindo cos prazos marcados pola Unión Europea”.
Sen embargo, o fondo propio de Turismo de Galicia experimenta unha subida de 7.527.010,00€, €, ata acadar os 104.554.319,00€, que “fala do compromiso do Goberno galego co turismo en Galicia como parte fundamental do noso presente e do noso futuro”, afirmou.
Crecemento por capítulos
De seguido, Xosé Merelles salientou os incrementos e importes orzamentarios distribuídos por capítulos que permitirán entre outras medidas, “seguir reforzando o mantemento dos diferentes Camiños de Santiago e en 2026 imos licitar un novo contrato de mantemento coa vista posta no Xacobeo 2027, cun valor bianual de aproximadamente 18M€, que inclúen servizos de vixilancia, conservación e limpeza e as obras de reparación e mantemento para a conservación integral das rutas xacobeas”. Tamén se inclúen as partidas de Galicia Calidade e o apoio anual ao sector ou aos concellos galegos para apoiar iniciativas turísticas nos recursos turísticos locais.
Os orzamentos de Turismo de Galicia tamén continuarán reforzando iniciativas de éxito coma os Concertos do Xacobeo que durante 2025 incluíron 180 eventos en máis de 70 localidades de toda Galicia.
“O ano 2026 será crucial para o fomento da mobilidade sostible nos diferentes Camiños de Santiago de cara ó Xacobeo 2027”, subliñou Xosé Merelles afirmando que tamén se avanzará no Plan de Seguridade Viaria no Camiño de Santiago. Despois de licitar os proxectos para desdoblar os tramos do Camiño e que discurran de forma paralela ás estradas evitando que os peregrinos e peóns camiñen polo arcén e o fagan por lugar seguro, será en 2026 cando se executen as obras para que estén rematadas para o Xacobeo 2027.
Novos establecementos
Máis de 36M€ conforman o capítulo de transferencias de capital que pese a sufrir o descenso dos fondos europeos do MRR, é o que presenta as maiores novidades cunha liña de axudas dotada con 4M€ para incrementar a capacidade aloxativa de Galicia impulsando proxectos tractores de nova creación de establecementos. “Buscamos dar resposta a un turismo de calidade e con especial atención a aqueles que potencien a loita contra o despoboamento do rural e permitan crear tecido socioeconómico”, afirmou.
Ademais, consolidarase a aposta do Goberno galego por modernizar o sector mantendo as liñas de axuda para renovar as infraestruturas turísticas, ao tempo que se lanza un novo apoio para modernizar o sector con 7M€ para mellorar a eficiencia enerxética de establecementos de aloxamento e de restauración, despois de ter lanzado convocatorias anteriores e comprobar o elevado grao de demanda deste tipo de actuacións por parte do sector.
Tamén neste capítulo, desenvolverase un plan especial de promoción do Xacobeo 2027, dinamizando a programación previa ao redor da cultura xacobeo con 3 millóns de euros para financiar actividades culturais, deportivas, turísticas e de promoción relacionadas co Camiño de Santiago e o Xacobeo para ir dinamizando o evento. Ademais, lanzarase unha nova liña de axudas para o embelecemento e mellora paisaxística no Camiño de Santiago.
Marca país, xestión xacobeo a formación do sector
O director de Turismo de Galicia tamén se referiu á importancia de tres entidades adscritas a ese departamento como son a Sociedade Anónima Galicia Calidade, a Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo e o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Referíndose á primeira delas, dixo, que se “ten convertido nunha ‘marca-país’ que engloba produtos, cultura, paisaxe, experiencias e emocións; é un lema icónico que posiciona Galicia como un destino internacional”.
A Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo ten como principal obxectivo a xestión da Rede Pública de Albergues con 75 albergues públicos (3.400 prazas), aberta todo o ano, que amosa a hospitalidade deste pobo, que non se mide só en rendementos contables senón en impacto territorial e cohesión das rutas.
Finalmente, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) vén de acadar uns dos mellores resultados de matriculación da súa historia grazas á súa estratexia de rebaixa e conxelación no prezo da matrícula e incremento de bolsas de estudos. Na actualidade, 290 alumnos estanse a formar no CSHG. Este 2026, levaranse a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio de cociñas para mellorar a formación impartida.
Ademais, o vindeio ano vai botar a andar a nova infraestrutura no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CHSG), o Gastrohub de Formación co que se vai reforzar o papel formativo do Centro dirixido ao sector profesional, e dun programa específico de com-petencias dixitais para profesionais en activo (2,5 M€), entre outras medidas.
Para rematar, Xosé Merelles salientou o bo momento turístico que vive Galicia e destacou os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística que indican que no que levamos de ano, aloxáronse nos establecementos galegos 6M de persoas, o que supón un incremento de 3,2% e fixeron máis de 11M de noites, rexistrando un incremento de 2,6%. Os ingresos hoteleiros de xaneiro a setembro ascenden a 366,4 M€ (+5,4%) e a rendibilidade crece un 5,4%. “Esta é a tendencia que queremos manter en 2026 e esperamos continuar neste camiño de progreso e de apoio ao desenvolvemento económico de Galicia”, concluíu.