Amplíase o prazo para optar á liña de axudas de 5 M€ para o embelecemento de establecementos situados na franxa da costa que activa o Plan do litoral
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución pola que se amplía o prazo para que os titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros de Galicia poidan optar á liña de axudas destinada ao embelecemento do litoral galego. Esta convocatoria, feita pública o pasado mes de setembro, supón un investimento de 5M€ en distintas actuacións de mellora enerxética, dixitalización e mellora das fachadas dos edificios da liña de costa de Galicia. Ademais, activa o Plan do Litoral e ten como principal obxectivo potenciar o turismo de costa.
Co fin de dar a coñecer todas as características desta convocatoria, Turismo de Galicia impulsará unha xornada informativa impartida por técnicos que terá lugar o luns 17 de novembro, ás 10,00 horas, na Cidade da Cultura. A iniciativa está dirixida a todos aqueles titulares que poden estar interesados en participar nesta convocatoria de axudas.
Segundo a resolución publicada hoxe no DOG, os hoteis, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, e outras tipoloxías de aloxamento ademais de restaurantes, cafetarías e bares terán agora ata as 20,00 horas do 12 de decembro para presentar as súas solicitudes.
As axudas inclúen tres liñas de acción, unha de eficiencia enerxética, outra de dixitalización de recursos con potencial turístico e unha terceira de mellora da fachada do litoral galego. Na primeira delas, a de eficiencia enerxética, inclúe a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación para reducir o consumo de enerxía dos edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico tanto no que atinxe á iluminación de espazos interiores como á exterior ornamental e aparcadoiros de vehículos ao aire libre.
No que atinxe á liña de dixitalización de recursos turísticos, sufragaranse gastos derivados da transformación dixital, de desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico e tamén de ferramentas dixitais para coñecer o destino antes de visitalo.
Na liña de mellora de fachada do litoral galego, inclúense actuacións de revestimento e/ou pintado, renovación das carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento e remate ou renovación do acabamento exterior de cuberta. Ademais, tamén cubrirán o revestimento dos muros de peche da parcela onde se sitúa o establecemento turístico realizados con ladrillo ou bloques de formigón e tamén os gastos de elaboración do proxecto de obra e honorarios e custos da dirección facultativa das actuacións.