Xosé Merelles destaca a oportunidade do Rondallas Fest para contribuir á desestacionalización e enriquecer a programación do Nadal no sur de Galicia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a oportunidade que ofrece o Rondallas Fest, que conta co apoio da Xunta, para incrementar a oferta turística da provincia de Pontevedra fóra de tempada, concretamente no mes de decembro ao redor das festas do Nadal, cunha proposta que combina música e tradición. “Estes son atractivos identitarios do noso destino que nos outorgan autenticidade e singularidade”, destacou.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia puxo en valor o arraigo popular e tradicional desta agrupacións musicais populares e destacou que no Concello de Mos, seguen a estela do certame anual de rondallas, que neste caso se enriquece co film ‘Rondallas’ dirixido por Daniel Sánchez Arévalo, que terá tamén protagonismo no programa de actividades desta cita.
O Rondallas Fest pretende precisamente, renovar e ampliar esa tradición musical a través da alianza da cultura popular e o cinema ao tempo que tamén ten unha finalidade social na medida en que impulsará o intercambio xeracional. Ademais, permitirá dar visibilidade á oferta turística de Galicia a través dunha fórmula que combina cultura, arte, gastronomía e cinema.
O Rondallas Fest incluirá unha exposición aberta ao público desde o 12 de decembro e tamén acollerá a celebración dun coloquio no que participará o director da película, Daniel Sánchez Arévalo e parte do elenco da película —Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, Marta Larralde e María Vázquez—, baixo a moderación de Alejandro Pérez Dávila. Concluirá cun breve concerto de Vacaloura Vermella Dani Burgos, que interpretará parte da banda sonora do filme. Finalmente o sábado tamén terá lugar o Rondallas Fest no exterior do Pazo de Mos, no que participarán 17 rondallas federadas da contorna, actuando como anfitrioas as agrupacións de Mos.