A Xunta estreita lazos con Reino Unido a través da colocación de dúas mouteiras do Camiño de Santiago
O director da Sociedade de Xestión do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, percorre estes días Reino Unido no marco dunha visita institucional. O punto forte é a inauguración de dúas mouteiras do Camiño Inglés, que se colocarán nas localidades de Reading e Winchester, polas que pasa o coñecido como Saint James' Way.
Esta vía xacobea percorre o sueste de Inglaterra a través dun tramo de 110 quilómetros, os que van desde Reading á localidade costeira de Southampton, pasando por Winchester, e forma parte do Camiño Inglés. A visita ten como obxectivo xeral fortalecer os lazos de colaboración entre as institucións locais británicas e galegas, promover a proxección internacional do Camiño de Santiago e consolidar accións de cooperación cultural e turística no marco do itinerario xacobeo.
É neste marco no que se inaugurarán as dúas novas mouteiras. En concreto, celebrouse unha peregrinación simbólica por Reading, seguindo o trazado do St James’ Way ata as proximidades das ruínas da Abadía de Reading. Nesta última localización, inaugurouse a mouteira do Camiño Inglés. Este elemento marca o inicio oficial da ruta, situado a 690 millas de Santiago de Compostela, e contén os principais símbolos dos itinerarios xacobeos -a frecha amarela e a concha de vieira-.
A segunda mouteira quedará instalada xunto á Igrexa de St Bartholomew, en Winchester, nun acto tras do que a delegación realizará unha peregrinación simbólica ata o hospital de St. Cross, situado na mesma localidade.
A visita institucional inclúe ademais unha serie de encontros destinados a promover as relacións entre os organismos. Así, desenvolveuse xa unha reunión con REDA (Reading Economy & Destination Agency), centrada en avanzar nun acordo de colaboración. A idea é traballar nun modelo semellante ao asinado o pasado ano con VisitDurham, entidade de xestión turística de Durham, localidade do norte de Inglaterra.
En Winchester, a delegación reunirase con representantes do seu concello e do departamento de turismo.
Promoción internacional
A colocación de mouteiras do Camiño de Santiago a través de localidades de distintos países responde ao plan da Xunta de Galicia de promoción internacional e divulgación das rutas xacobeas. Só neste ano, inauguráronse estes símbolos nas localidades de Melilla, Sevilla, Oviedo e Bilbao, en España, e en Polonia (Torun), Panamá e Canadá (Ottawa). Esta acción reforza o traballo de sinalización das distintas rutas do Camiño en Europa, que supera os 80.000 quilómetros a través de 28 países.