A Xunta constitúe a comisión interdepartamental de preparación e coordinación das actuacións relacionadas coa observación da eclipse do 12 de agosto
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu a sesión constitutiva da comisión interdepartamental de preparación e coordinación das actuacións relacionadas coa observación da eclipse do 12 de agosto de 2026, na que participan representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como da Axencia Turismo de Galicia.
O obxectivo é preparar e coordinar actuacións para a observación segura do eclipse previsto para o 12 de agosto, abordando retos como mobilidade, prevención de riscos e oportunidades turísticas e de divulgación científica, entre outros. Segundo avanzou o conselleiro, a de hoxe é a primeira xuntanza e irase informando periodicamente do traballo desenvolvido. Ademais, prevese impulsar a coordinación con outras administracións que teñan contemplado este fenómeno na promoción dos seus territorios.
Diego Calvo incidiu na importancia da colaboración entre as distintas áreas que forman parte da comisión, dado que Galicia é un lugar privilexiado para a observación da eclipse de 2026, o que motivará unha grande afluencia de persoas á comunidade. Nesta liña, desde a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes coordinaranse os dispositivos de seguridade e prevención de riscos nas zonas nas que se prevea unha maior concentración de persoas. Traballarase tamén para analizar o impacto sobre a mobilidade estudando as necesidades que poidan xurdir por se fose necesario reforzar ou activar algún servizo.
Información sobre as zonas de observación
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, anunciou que xa está activa unha microsite na páxina web de Turismo de Galicia centrada na eclipse na que se poderá atopar información sobre os concellos e as zonas nas que se observará o fenómeno de forma total o parcial, ademais de recomendacións para unha mellor e correcta observación, entre outros aspectos.
Xosé Merelles destacou que a eclipse poderá verse deste Estaca de Bares, en Mañón, ata a comarca de Valdeorras, limítrofe con Castela-León “deixando ao seu paso unha enorme franxa de observación que percorre territorios das catro provincias galegas”. Neste sentido, destacou que un amplo número de concellos galegos -en total 143, isto é o 45,6%- terán unha posición privilexiada para a súa observación, abarcando territorios das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, así como áreas do interior de Pontevedra.
Finalmente, o director de Turismo subliñou que este fenómeno supón unha oportunidade para reforzar a proxección turística do territorio, diversificar a oferta, atraer novos perfís de visitantes e posicionar Galicia como destino de referencia en ámbitos emerxentes como o astroturismo e o turismo científico.
Prognósticos en Meteogalicia
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola súa banda, poderá aportar, a través de MeteoGalicia, prognósticos detallados sobre o estado do ceo previsto para a data da eclipse. En concreto, a previsión determinará se haberá nubes altas ou baixas, ou incluso, chuvias, que repercutirían na visión da mesma. Así mesmo, tamén ten a capacidade de facer un seguimento de situacións específicas que puideran darse, como, por exemplo, avisos por calor. Ademais, coa información que aporta MeteoGalicia sobre a hora do ocaso, será posible calcular a posición do sol durante todo o proceso da eclipse.
A maiores, no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia estanse organizando unhas xornadas formativas sobre este fenómeno. Nese senso, cómpre lembrar que está acreditado como destino turístico Starlight por gozar de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados ao estar protexido da contaminación luminosa.
Divulgación científica e consellos
No que respecta á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, encargarase da divulgación científica da eclipse, especialmente no ámbito educativo. Para iso, organizaranse diferentes actividades a través de programas como os Polos Creativos e da Rede de Formación do Profesorado, así como distintos eventos.
Desde a Consellería de Sanidade, lémbrase o risco de sufrir retinopatía solar no caso de observar a eclipse sen seguridade, isto pode causar visión borrosa e manchas escuras permanentes.
Por iso, advírtese da necesidade de utilizar só gafas homologadas para a observación astronómica (en concreto, co certificado ISO 12312-2, xa que os certificados de gafas de sol non son seguros nunha eclipse), telescopios con filtro solar ou lentes de soldador de grao 14. Nunca deben empregarse radiografías, ou cámaras ou móbiles. Mesmo con protección homologada, recoméndase limitar o tempo de observación e facer descansos.
En ningún caso debe mirarse directamente ao sol e é preciso protexerse tamén da calor con crema de protección solar e bebendo auga para manter unha hidratación axeitada.