21 xan 2026

A Xunta centra a oferta turística para 2026 na eclipse total, o Camiño de Santiago e as propostas enogastronómicas repartidas por todo o territorio

A Xunta de Galicia abriu a súa participación na primeira xornada da Feira Internacional de Turismo coa presentación ‘Galicia, Porta de entrada da gran eclipse solar 2026’, un dos grandes acontecementos con impacto turístico que terán lugar este 2026 e que segundo apuntou o director de Turismo de Galicia, poderá verse en gran parte do territorio, cunha franxa comprendida entre Estaca de Bares e a comarca de Valdeorras, en Ourense, ao longo de 143 concellos, isto é o 45,6% de toda Galicia.

Este foi o punto de partida da programación do stand de Galicia na primeira xornada de Fitur 2026, composta por presentacións de destinos ao redor dos principais atractivos da comunidade, entre os que destacan a gastronomía, o turismo de natureza, a paisaxe, o patrimonio e o Camiño de Santiago, entre outros.

Precisamente, o Camiño Portugués da Costa Inclusivo foi outra das presentacións e nela tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. “O noso Camiño da Costa é máxico pola súa beleza, polo seu patrimonio natural e cultural e pola súa xente, pero tamén é inclusivo, como demostran desde hai anos os peregrinos de Discamino”, destacou Ana Ortiz durante a súa intervención. A delegada territorial detallou os datos “espectaculares” que presentou o percorrido no ano 2025. “Os nosos  visitantes quedan abraiados e a mellor proba de que temos algo especial é que o 80% dos peregrinos son estranxeiros, especialmente alemáns, norteamericanos e italianos”, detallou. O director de Turismo salientou a aposta da Xunta pola diversificación das rutas xacobeas e subliñou que o Camiño Portugués da Costa é o que amosa o maior índice de crecemento e o terceiro máis percorrido, co 16,9% do total.

As rutas xacobeas foron tamén o fío condutor da presentación ‘Vinte municipios, unha soa voz’, coa Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago; e ‘O final é o comezo, Solpor’, coa Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago Fisterra Muxía. Na primeira, o director de Turismo de Galicia lembrou que se están dando pasos para a promoción deste itinerario con actuacións para a mellora dos albergues deste camiño e destacou que desde hai pouco, tamén conta cunha oficina de información ao peregrino.

Relacionado co turismo patrimonial, o stand de Galicia acolleu a presentación ‘800 anos da consagración da Catedral de Tui’, nunha cita na que colaboraron Xunta e Concello de Tui. Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor a conmemoración “que de seguro, servirá para atraer un maior número de visitantes a esta zona con recursos turísticos que xiran ao redor do contorno do Río Miño e da fronteira con Portugal”.

Outra das claves que definiron a programación foi o turismo enogastronómico, precisamente unha das liñas estratéxicas que se está a potenciar desde a Xunta de Galicia. O director de Turismo de Galicia participou en citas destinadas a promover esta modalidade de visitas, como a presentación ‘Itinerarios enogastronómicos de Valdeorras’, do Xeodestino Trevinca Valdeorras, ou a da 18 edición da guía ‘...E para comer, Lugo’, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo. Segundo o Informe de Turismo Gastronómico en España 2023, un 86,5% de viaxeiros de España realizou polo menos unha viaxe ou escapada de carácter gastronómico nos dous anos previos, o dato máis alto da serie histórica.

Finalmente, o director de Turismo de Galicia acudiu tamén á presentación ‘Ferrolterra Máxica: Tradición e natureza para todas as persoas viaxeiras’, do Xeodestino Ferrolterra. Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou a importancia de eventos coma o Festival Internacional de Música Celta de Ortigueira como un polo de atracción a esta zona que foi visitada entre xaneiro e novembro de 2025 por 149.499 viaxeiros.

‘Galicia Calidade’

A Feira Internacional Fitur celébrase desde o mércores 21 de xaneiro ata o domingo 25 no IFEMA de Madrid. O expositor da comunidade, situado no pavillón 9, organízase baixo o lema ‘Galicia Calidade’ e quere converterse na porta de entrada á terra para as persoas, profesionais e visitantes, que se acheguen a coñecer as propostas turísticas galegas. Precisamente, a presentación Galicia Calidade terá lugar o venres 23 ás 11,00 horas.

Desde o mércores 21 e ata o venres 23, Fitur está unicamente aberto a profesionais do sector turismo. Ao longo destas tres xornadas, o stand de Galicia acolle máis de medio centenar de actividades promocionais, mostras e faladoiros.

O sábado 25 e domingo 26 serán os días nos que Fitur se abrirá ao público xeral. Durante a fin de semana, a oferta do espazo de Galicia completarase con distintas demostracións e actuacións en vivo, vinculadas á cultura e a artesanía da terra.

Pódese consultar a programación para estes tres días en www.turismo.gal.

Arriba