Rueda destaca que Galicia Calidade apela tanto á excelencia turística como a unha terra na que se fan as cousas ben
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia Calidade apela tanto á excelencia turística como a unha terra na que se fan as cousas ben.
Durante a súa intervención no acto Galicia Calidade no marco de Fitur 2026, o titular do Goberno autonómico salientou como exemplo o gran potencial da nosa comunidade no eido sociocultural, como coa recente selección do filme Sirāt de Óliver Laxe para optar aos Premios Oscar 2026 nas categorías de Mellor Filme Internacional e Son, ao que desexou “toda a sorte do mundo” e agradeceu “non renunciar nunca ás súas esencias”.
Neste sentido, Rueda destacou que Galicia Calidade é máis que un lema, pois responde a unha realidade que perdura no tempo e que caracteriza á nosa terra, un “esforzo colectivo” que se refire a todo o que se fai “con agarimo, con raíces e con esencia”. Tamén ás empresas galegas que son punteiras a nivel mundial ou a un avanzado sistema de I+G+i, a “I+D+i galega”.
Ademais, o presidente fixo referencia á calidade e sustentabilidade turística de Galicia, afirmando que o Goberno galego traballa para que cada vez máis turistas veñan a desfrutar da nosa gastronomía e patrimonio natural e cultural “sen obsesionarnos co número”. Todo nunha terra de acollida, na que “todo o mundo é benvido” e que se consolida coma un destino atractivo e cada vez máis recoñecido.
Proxectos como o Camiño do Litoral, con 52 etapas que suman máis de 1.300 quilómetros pola costa galega, ou a oportunidade que supón o eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, onde Galicia será un dos mellores lugares para presencialo, serán este ano tamén expoñentes, segundo afirmou o presidente, do lema Galicia Calidade. Acompañarán ao bo momento do sector turístico galego, que pechou o ano 2025 con máis de 8,5 millóns de viaxeiros aloxados e con máis de 530.000 compostelas entregadas pola Oficina do Peregrino.