Galicia pecha a súa participación en Fitur con dous premios ao mellor stand e ao máis sostible
O espazo de Galicia en Fitur 2026 pecha despois de cinco días de intensa actividade -tres deles para profesionais e dous para público xeral- nos que se deu a coñecer a oferta diferencial e singular de Galicia. Este ano realizouse nun novo expositor que foi, ademais, dobremente premiado, xa que ao recoñecemento de mellor expositor das Comunidades Autónomas, engadiuse tamén o de mellor expositor sostible, tanto polo seu deseño como polas propostas que contiña, aliñadas coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030.
En concreto, o recoñecemento viu da man da aposta pola innovación, na creación dun material de fibra elaborado a partir da reciclaxe de máis de 53.500 botellas de plástico PET, o que supón ata 75 botellas por metro cadrado. Este material empregouse nos paneis exteriores e en parte do mobiliario, como os mostradores, e tomouse a decisión consciente de deixalo á vista. Trátase dun material que era utilizado ata fai moi pouco unicamente en arquitectura de interiores e, precisamente, esta é unha das primeiras ocasións na que se emprega para arquitectura efémera. En estruturas interiores optouse por madeira de bosques de proximidade, xestionados de forma responsable.
Esta aposta pola sostibilidade e a proximidade reflectiuse tamén na programación, con propostas de produtos enogastronómicos de proximidade, con selos de garantía Galicia Calidade, Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas da comunidade, e potenciando a visibilidade de pequenas e medianas empresas e produtores.
Destino sostible
Na elección como mellor expositor sostible tamén se tivo en conta a conservación de tradicións a través da promoción de música galega e baile. Na fin de semana houbo actuacións musicais e de baile tradicionais da man do dúo Caamaño&Ameixeiras e do grupo Xacarandaina. Hai que sinalar, ademais, que as persoas que atenderon o stand son tamén profesionais locais especializados, con estudos relacionados con turismo. Nos 55 eventos da programación contouse tamén con intérpretes en linguaxe de signos. Houbo tamén presentacións estreitamente relacionadas co turismo accesible e produtos especialmente dedicados a persoas con mobilidade reducida.
Ademais, tamén se presentaron productos que demostran a sostibilidade do destino e incluíronse iniciativas como a degustación de xeados das dúas marcas de Galicia Calidade con sabores de Galicia, Bico de Xeado e La Central Heladera; ou o Salón de té de Camelia da fin de semana, que se instalou na zona de profesionais para, ademais, darlle un novo uso a este espazo.
Tamén se presentaron novos produtos que recibiron grande interese entre profesionais, como ‘Galicia en Ruta’ ou ‘Galicia Top Secret’, ‘Concertos do Xacobeo’ o ‘Turismo deportivo’, a proposta de Galicia como porta de entrada ao eclipse de sol ou a iniciativa Galicia Spa Pilgrimage, que mestura turismo termal e de benestar co Camiño de Santiago. En total, realizáronse preto de medio centenar de presentacións para profesionais. Ademais, fóra do expositor, reforzáronse alianzas con outros destinos, con actos como a presentación da medalla de peregrinación dual do Camiño Brochero, no expositor de Arxentina, no que se avanzou no memorando de entendemento entre ambos itinerarios, un acordo no que a xestión da Xunta ao redor do Camiño de Santiago está a servir de exemplo para a xestión deste itinerario arxentino.
Fito histórico
A edición de Fitur deste ano foi histórica, ao tratarse do segundo caso na historia da feira no que un stand recolle dous premios, tras recibir -ademais do galardón pola sostibilidade- tamén o galardón a Mellor Stand de Comunidades Autónomas. A través dunha estética sobria e elegante, a instalación acoller ás persoas visitantes e levalas máis aló do visual, aproximando á reflexión e á conexión.
Durante estes días, Galicia tamén recibiu outros premios, como os celebrados durante a Noite Q, organizada polo Instituto Calidade Turística Española (ICTES), onde a rede pública de albergues do Xacobeo recibiu o Premio Q 2026 pola súa aposta pola sostibilidade turística recoñecendo o esforzo da administración autonómica pola calidade e a sostibilidade.
A participación de Galicia na Feira Internacional de Fitur, enmárcase no Plan Anual de Promoción de Turismo de Galicia posto en marcha pola Xunta de Galicia que, entre outras accións inclúe a participación e promoción do destino nas principais feiras turísticas do mundo.