29 xan 2026

O 50% dos directivos do Grupo Barceló Hotels & Resorts formáronse no Centro Superior de Hostalería de Galicia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles,  mantivo un encontro cun grupo de directivos do departamento de Recursos Humanos do Grupo Barceló Hotels & Resorts que estes días están a celebrar no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) a súa reunión de análise de resultados. Durante a xuntanza, na que estivo acompañado polo director do CSHG, José Paz, Xosé Merelles agradeceu que conten co asesoramento e colaboración do Centro de Hostalería na selección do persoal e tamén cos alumnos e egresados do centro nos seus procesos de selección. Precisamente, o 50% dos directivos do grupo Hoteleiro son antigos alumnos do CSHG.

Os directivos de Barceló Hotels & Resorts eloxiaron a traxectoria do Centro Superior así como o proceso de selección previa do alumnado que realizan os responsables académicos para logo seren entrevistados para a realización de prácticas neste grupo.

Na xuntanza participaron responsables das diferentes zonas xeográficas de España e Marrocos, xunto coa directora Xeral de Recursos Humanos,  María Carmen Oliver Molina. Barceló Hotel Group, división hoteleira do Grupo Barceló, é unha compañía de orixe mallorquina fundada en 1931 e cunha sólida traxectoria ligada ao desenvolvemento do turismo en España e á súa expansión internacional.

Con presenza en múltiples destinos vacacionais e urbanos, o grupo opera hoxe unha das maiores redes hoteleiras de orixe española. Segundo a súa memoria anual do exercicio 2024, Barceló Hotel Group conta con 299 hoteis en 30 países e máis de 65.200 habitacións. En 2024, o Grupo Barceló alcanzou unha facturación aproximada de 7.551,6 millóns de euros e un beneficio neto ao redor de 302 millóns de euros.

Arriba