03 feb 2026

Rueda anima ás empresas e á sociedade civil a implicarse no Xacobeo 2027 para convertelo nun evento histórico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou ás empresas, promotores, actores culturais e deportivos e ao conxunto da sociedade civil á implicarse no Xacobeo 2027 para convertelo nun evento histórico que traspase as fronteiras de Galicia: “Este é un chamamento a todos os que tedes que participar. Abrímoslle os brazos a todo o mundo. Co Xacobeo queremos dicirlle ao mundo como somos, como facemos as cousas. Esta oportunidade queremos aproveitala entre todos e por iso estamos aquí”, resaltou o presidente.

Así o pediu durante a súa intervención nun encontro con empresas e outros axentes que tivo como fin impulsar a colaboración público-privada, tanto á hora de xestionar os eventos patrocinados con fondos públicos como para impulsar a participación de empresas que realizan achegas económicas, patrocinios ou doazóns para actividades relacionas do Xacobeo: “Fomos capaces de facelo en 1993, cando pouca xente pensaba que isto ía ser posible, e agora estamos ás portas de facer algo moi grande. O que fagamos vai depender de todos nós”, apuntou.

Neste sentido, a Xunta poñerá en marcha un novo Plan Director de Patrocinios. Consiste nun marco específico para garantir unha programación con criterios homoxéneos, maior seguridade xurídica e unha mellor coordinación: “Deseñamos un sistema para non deixar a ninguén fóra e que poida ser o máis xusto posible. O interese común é que se seleccione o mellor”, salientou o presidente.

Ademais, Rueda recordou que as empresas tamén poden participar no Xacobeo a través de doazóns, achegas ou patrocinios. Nese caso, falou ademais dos beneficios que iso pode supoñer para a proxección da súa imaxe, tamén poderán acollerse a beneficios fiscais, tal e como se fixo no anterior dobre Ano Santo. Con todo, lamentou que este programa, aínda que xa aprobado, non estea activo, polo que instou ao Goberno central a poñelo en marcha o antes posible: “O que pido é que isto se concrete xa para poder empezar”, apuntou.

En canto á sociedade civil, este ano se convocará unha nova liña de axudas -do mesmo modo que se fixera co programa O Teu Xacobeo-, por importe de 3 millóns de euros, para financiar actividades culturais, deportivas, turísticas ou de promoción ao redor do Camiño de Santiago e do Xacobeo, e que servirán como unha dinamización previa ao evento do próximo ano.

Por último, o presidente agradeceu a todos o interese e o traballo de todos os patrocinadores e daqueles que mostraron interese en levar a cabo proxectos na nosa comunidade no próximo ano Xacobeo, e alentando a todos a aproveitar esta ocasión: “Temos unha oportunidade que non ten ningún outro territorio de España. Temos unha ocasión que quererían para eles sen dúbida calquera outro territorio do noso pais e doutros moitos países. Pero témola nós. E, polo tanto, imos aproveitala. Hoxe empezamos. Oxalá que todos saiamos, cando todo isto remate, dicindo que valeu a pena”, rematou Rueda.

Arriba