06 feb 2026

Turismo de Galicia presenta dous novos números da revista Ad Limina que suman rigor científico á divulgación xacobea no horizonte do Ano Santo 2027

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación dos dous números da edición XVI da publicación científica especializada en temática xacobea Ad Limina. No evento introduciuse tamén a publicación das actas do XIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos. Durante a súa intervención, Xosé Merelles gabou “o compromiso coa divulgación de calidade e en profundidade sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións” das persoas encargadas da edición e publicación dos contidos.

En concreto, o primeiro número de Ad Limina estivo coordinado polos profesores Robert Maxwell e Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. Nesta publicación preséntase unha achega moi específica ao patrimonio artístico e arquitectónico románico arredor do Camiño de Santiago. “Un número que pon en valor esa vertente múltiple que supón o Camiño de Santiago: como unha experiencia principalmente espiritual que se reflicte no patrimonio arquitectónico”, incidiu Merelles.

No segundo número, coordinado polo profesor Israel Sanmartín, da USC, abúndase nas investigacións sobre a imaxe contemporánea da Idade Media, a partir da novela histórica actual.

A publicación das actas do XIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos estivo coordinada polo profesor Klaus Herbers, tamén organizador do mesmo Congreso. Así, o manual explora as relacións entre Roma e Santiago ao longo da historia e afonda no aniversario da concesión da dignidade metropolitana á sede apostólica compostelá hai 900 anos.

O director de Turismo de Galicia avanzou a publicación dos vindeiros números de Ad Limina en 2026, así como a celebración dun Coloquio Internacional do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, centrado no legado do Camiño Portugués e na súa proxección futura, para os días 5 e 6 de novembro en Tui. “Estas iniciativas permiten avanzar cara ao Xacobeo 2027”, abundou Xosé Merelles.

Cifras históricas

Merelles lembrou tamén as cifras do Camiño de Santiago de 2025, que sinalan un avance significativo: ao longo dos doce meses, máis de 530.000 persoas recolleron a súa Compostela, un 6% máis que en 2024. Destas, un 57% procedían de fóra de España, o que confirma o carácter internacional da experiencia xacobea.

“Afondar na súa tradición e no seu coñecemento desde unha perspectiva científica non fai senón corroborar que nos atopamos ante un fenómeno histórico global que conseguiu sobrevivir ao paso do tempo para agora, en pleno século XXI, tomar unha nova vixencia”, destacou o director de Turismo de Galicia.

Arriba