11 feb 2026

A Xunta urxe ao Consejo Jacobeo a axilizar os beneficios fiscais do Xacobeo 2027

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, urxiu novamente ao Goberno de España a necesidade de que active “canto antes” o programa de beneficios fiscais para as empresas que apoien o Xacobeo 2027, un trámite “que está bloqueado polos trámites do Goberno central, tempo no que a Xunta leva reiterando a súa gran preocupación”. Así o indicou na reunión da Comisión Executiva do Consejo Jacobeo.

Reivindicou o traballo insistente do Goberno autonómico reclamando esta ferramenta “clave e eficaz” para incentivar a participación de empresas privadas e a previsión da Xunta desde o primeiro momento, respondendo “en tempo e forma” ás peticións de documentación do Consejo Jacobeo para activar os mecanismos necesarios e tamén “a anticipación da Xunta elaborando a proposta de logotipo e o manual de exencións fiscais, que xa está preparado para cando se active a ferramenta”, expresou.

De feito, a aprobación do logotipo do Xacobeo 2027 e o manual de uso de exencións fiscais, foi un dos puntos da orde do día da xuntanza. Trátase de documentos elaborados desde a Xunta de Galicia que hoxe foron aprobados por todas as comunidades autónomas representadas no Consejo Jacobeo para que sexa ratificado no pleno que se convocará proximamente.

“Sen dúbida, é un paso moi significativo, pero cabe salientar que o Consejo Jacobeo debe axilizar toda a tramitación para favorecer a colaboración público-privada de cara a elaboración da programación do Xacobeo 2027”, afirmou Xosé Merelles.

Arriba