28 feb 2026

Os mercados portugués, alemán e nacional centran o interese de Turismo de Galicia este mes de marzo na súa estratexia de promoción do destino

Turismo de Galicia continúa na súa aposta firme pola promoción exterior do destino a través da presenza en destacados eventos do sector. A Xunta asistirá durante o mes de marzo a catro feiras sectoriais, nas que amosará unha oferta singular e de calidade entre públicos xeralistas e profesionais.

Do 25 de febreiro ao 1 de marzo, Turismo de Galicia está a participar no Better Tourism Lisbon Travel Market. A BTL 2026 desenvólvese na capital portuguesa, Lisboa, e está considerada precisamente como o principal evento turístico do país veciño. 

Nesta edición -a 36ª-, a BTL recibe 1.700 expositores -entre eles o de Galicia, que levará un stand propio de 48m2- e 125 destinos internacionais, o que supón un incremento do 20% nesta área. Estará aberta para público profesional e final.

Tamén, entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo, Turismo de Galicia leva a súa proposta Galicia Birding á Feira Internacional de Ornitoloxía FIO 2026. Este evento celébrase en Villarreal de San Carlos, dentro do Parque Nacional de Monfragüe, en Cáceres (Estremadura). Galicia participa desde 2011 neste feira, que este 2026 chega á súa XXI edición con actividades para profesionais e público xeral. 

En concreto, estará presente cun stand modular, no que facilitará información específica sobre os recursos da Xunta en turismo ornitolóxico. Estarán, por exemplo, o espazo web Galicia Birding e a aplicación móbil do mesmo nome, dispoñibles en galego, castelán e inglés. Tamén a publicación propia dedicada ao mundo da ornitoloxía, unha guía breve na que se presentan os principais espazos de interese, rutas e calendarización segundo as aves. 

A seguinte parada será en Berlín. A Internationale Tourismus-Börse -ITB- cumpre en 2026, 60 anos de traxectoria. Do 3 ao 5 de marzo concentrará a público profesional para afondar nas tendencias turísticas desde a perspectiva B2B. De xeito paralelo, celebrarase o ITB Convention, onde especialistas internacionais analizarán as tendencias e innovacións do sector. Na pasada edición foi visitada por 100.000 profesionais -un 87% internacionais-.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participará na inauguración da cita e tamén manterá encontros con turoperadores e axentes turísticos do mercado alemán interesados no destino Galicia. A Xunta acudirá a esta cita cun espazo propio de 50 m2 dentro do stand de Turespaña, no que se desenvolverán tamén encontros con diferentes operadores e empresas de servizos turísticos internacionais. Asemade, presentaranse iniciativas como a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, o Xacobeo 2027, ou Galicia como porta de entrada do  Gran Eclipse Solar do próximo 12 de agosto.

Estas serán tamén algunhas das propostas que chegarán á B-TRAVEL 2026, que se celebra en Barcelona e está aberta a profesionais e público final. Do 20 ao 22 de marzo, Turismo de Galicia estará nesta feira, a principal de turismo de Cataluña -estímase que recibe arredor de 26.000 visitantes e 120 expositores directos-.

A Xunta participará a través dun stand de deseño de 100m2 vertebrado en torno á marca país Galicia Calidade. O espazo mantén o compromiso coa sustentabilidade da pasada edición de Fitur e aposta polo uso de materiais de alto rendemento ambiental, como a composición de paneis de fibra procedentes do reciclado  de botellas PET (75 botellas por m2). Como actividade dinamizadora, ofreceranse produtos gastronómicos co selo de garantía Galicia Calidade, neste caso, xeados con sabores representativos da Comunidade.

Todas estas accións forman parte do plan de promoción de Turismo de Galicia que desenvolve con carácter anual e no que a Administración autonómica inviste 13 M€.

Arriba