A Xunta impulsa a promoción turística en Alemaña, un mercado que achegou máis de 162 millóns de euros de gasto en 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na inauguración da Internationale Tourismus-Börse ou ITB Berlín, unha das principais feiras europeas profesionais do sector, que na súa última edición foi visitada por máis de 100.000 profesionais. A Xunta está presente nesta cita turística cun espazo propio de 50 m2 dentro do stand de Turespaña, a través do que afonda en propostas como a gastronomía, o patrimonio, a riqueza natura e paisaxística, o Xacobeo 2027, ou Galicia como porta de entrada do Gran Eclipse Solar do próximo 12 de agosto.
Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, “Alemaña é o terceiro país de orixe de visitantes da comunidade”. Os datos da Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estatística (INE) de aloxamentos hoteleiros indican que este mercado sumou o pasado ano 176.894 viaxeiros e 294.224 noites realizadas, sendo os segundos mellores datos da serie histórica. En termos porcentuais, representan o 8,5% e o 8,6% do total internacional de viaxeiros e noites, respectivamente.
Ademais, “este país é tamén o terceiro en termos de nacións de orixe dos peregrinos estranxeiros”, sinalou afirmando ao mesmo tempo que “no pasado ano 2025 rexistráronse 24.356 Compostelas de peregrinos procedentes de Alemaña, cifra que representa o 8,2% do total internacional”. O período de maior afluencia correspóndese coa temporada media -de abril a xuño e meses de setembro e outubro-, “o que contribúe positivamente á desestacionalización”, sentenciou.
En termos económicos, o turismo alemán xerou en 2025 un impacto superior aos 162 millóns de euros, o que representa o 6,6% do gasto internacional en Galicia e un incremento do 21% respecto ao ano anterior. O gasto medio diario sitúase en 116,7 euros por persoa, cun perfil maioritariamente vacacional (54%) e cunha elevada estadía, xa que seis de cada dez turistas permanecen máis dunha semana na comunidade. Estes datos confirman a relevancia estratéxica do mercado alemán tanto polo seu volume como pola súa capacidade de gasto e fidelidade ao destino Galicia.
Reunións estratéxicas
Xosé Merelles mantivo tamén encontros profesionais con destacadas empresas e turoperadores turísticos, entre os que se atopan Everhardt Travel, Boldest e Dertour, entre outros. Tras estas reunións, destacou que “o turista alemán busca en Galicia un destino para gozar da paisaxe e natureza, cunha historia, patrimonio e tradición propia e singular; unha gastronomía baseada na calidade dos seus produtos e tamén no bo facer dos profesionais e valoran especialmente o carácter hospitalario dos galegos e galegas”.
Ademais, está previsto que o director da Axencia participe no evento turístico Noite de España, no que se farán entrega dos Premios Spain Tourism Awards.
Segundo destacou Merelles, a presenza de Turismo de Galicia na ITB Berlín permite á comunidade “seguir avanzando na súa estratexia de promoción internacional, coa que se quere chegar a novos públicos para favorecer un turismo de calidade, fomentar a desestacionalización da oferta e afianzar a súa redistribución territorial, grazas á promoción de recursos fóra das épocas e lugares máis habituais de viaxe”.
A feira internacional de turismo da capital alemá, centrada en públicos profesionais, cumpre en 2026, 60 anos de traxectoria como referente para o sector das viaxes e do turismo. O evento desenvolverase do 3 ao 5 de marzo.