06 mar 2026

Xosé Merelles pon o foco no Xacobeo 2027 como unha oportunidade para a proxección internacional da España Verde

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles,  participou na comisión de seguimento da España Verde, baixo a coordinación do Principado de Asturias e primeiro encontro operativo de 2026 da iniciativa España Verde. Unha reunión na que as catro comunidades implicadas na marca turística -Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi- abordaron un cambio estratéxico na promoción do destino, co que queren chegar a novos mercados de longa distancia entre eles o americano e o de Extremo Oriente.

Neste sentido, Xosé Merelles destacou a oportunidade que ofrece o Xacobeo 2027 como eixo da promoción internacional desta marca, “tendo en conta que dous dos Camiños de Santiago, o Primitivo e o do Norte, discorren polos territorios que a integran”. Ademais, subliñou a gastronomía e o ecoturismo como recursos de valor e singulares da España Verde que tamén son foco de atracción de visitantes.

O director de Turismo de Galicia valorou o reforzo na promoción internacional debido “á crecente demanda detectada en mercados de longa distancia e tamén ao apreciable grao de notoriedade rexistrado nos mercados europeos, nos que xa se estaba desenvolvendo a estratexia de promoción”.

Neste sentido, na xuntanza abordouse a concreción dun calendario de accións promocionais específicas en destinos como México, Xapón, Corea do Sur ou China., apostándose por accións en orixe e en destino, entre elas viaxes de familiarización con operadores turísticos.

Esta programación convivirá coa centrada nos mercados europeos, grazas ao incremento orzamentario da marca, que suma en 2026 un 20% do total do ano anterior. Na rexión europea están previstas accións en destinos como Reino Unido, Portugal, Alemaña ou Francia. 

Nova estratexia dixital

A reunión serviu tamén para dar conta da licitación da nova estratexia dixital da España Verde, que prevé evolucionar os portais oficiais da iniciativa, como ingreenspain.es, Reserva Ecoturista ou Surfing Green Spain. Así, a través deste novo contrato, engadiranse novas funcionalidades e fórmulas de comunicación dixital, e favorecerase a creación de contidos e a xestión de campañas en redes. A iniciativa alíñase coa estratexia de ampliar a visibilidade internacional da España Verde.

A xornada de traballo celebrouse en formato presencial en Laboral, na Cidade da Cultura de Xixón. A ela asistiron, ademais do director da Axencia, o viceconselleiro de Turismo e Comercio de Euskadi, Jakes Aguirrezabal; a directora de Turismo e Hostalería de Cantabria, María Saiz; Bárbara Couto, subdirectora de Marketing Exterior do Turismo de Turespaña; e Lara Martínez, viceconselleira de Turismo de Asturias e coordinadora da reunión. O Principado asume en 2026 a presidencia da iniciativa.

España Verde é a marca territorial lanzada en 1989 polas catro comunidades autónomas, co apoio de Turespaña. O seu obxectivo é enriquecer a oferta de produtos turísticos destes destino cunha proposta orixinal e sostible, que pon en valor as características comúns a nivel de turismo que diferencian a rexión doutras de España: 14 Reservas da Biosfera da UNESCO, 25 parques naturais, case 2.000 quilómetros de costa e 2.800 aloxamentos rurais.

Arriba