Arrinca con éxito o novo programa dos Trens Turísticos de Galicia coa tradicional Ruta da Camelia que volverá a saír o 21 de marzo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na primeira viaxe da Ruta da Camelia en Flor coa que arrinca a edición de 2026 dos Trens Turísticos de Galicia, no que colaboran Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este percorrido, que data do ano 2023, aproveita a época de floración da camelia -de decembro a abril- para visitar algúns dos xardíns máis destacados da comunidade.
En concreto, o itinerario previsto inclúe visitas aos xardíns do Pazo de Quinteiro da Cruz e do Pazo de Rubiáns -os dous con certificación de Excelencia Internacional- e aos xardíns do Pazo de Lourizán. Durante os distintos percorridos poderanse realizar degustacións de produtos locais, como té ou viño. A esta primeira saída seguirá outra da mesma ruta o día 21 de marzo, ambas con todos os billetes xa esgotados. Neste sentido, Xosé Merelles destacou “o éxito do programa que cada ano esgota practicamente todas os billetes das diferentes rutas turísticas” e puxo en valor o efecto desestacionalizador da iniciativas con propostas de rutas en primaveira e outono.
Referíndose á Ruta da Camelia destacou a singularidade da proposta ao tratarse da única que existe en toda Europa dedicada a esta flor e tamén aos seus xardíns históricos. A Ruta da Camelia en Flor pon en valor esta planta floral, característica de Galicia, a onde chegaron a finais do século XVIII procedentes de China e Xapón. Malia que nun primeiro momento só se expandiron por xardíns e pazos, pronto cubriron toda a xeografía, ata chegar hoxe en día a facer de Galicia un referente internacional no seu cultivo e produción.
Desde a Xunta promóvese desde 2005 a creación de produtos turísticos que explotan esta singularidade, coa creación da Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia, unha colaboración do Goberno galego coa Sociedade Española de la Camelia. Na actualidade, esta ruta inclúe 19 lugares singulares (15 xardíns e catro recursos turísticos asociados) das provincias de Pontevedra e A Coruña.
Iniciativa
A programación de Trens Turísticos de Galicia, organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – Inorde, constitúe unha das iniciativas máis exitosas da programación turística en Galicia. A edición de 2025 acadou máis dun 92% de ocupación, con varias rutas esgotando a case totalidade das prazas. A Ruta dos Faros, en concreto, foi galardoada co premio 'Tourism-Friendly' na categoría de viaxes de curta distancia, convocado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).
En total, para 2026 ofertaranse un total de 2.530 prazas, repartidas en 13 rutas e 33 saídas, coas que se abrangue un amplo programa de experiencias turísticas, entre elas culturais e enogastronómicas. Son as mesmas saídas que en 2025, aínda que cambia a distribución. Así, o itinerario de Monterrei -afectada polos incendios o pasado ano- gaña unha viaxe, mentres que se elimina unha saída do tren MEGA.
Tras a Ruta da Camelia, as saídas dos trens turísticos retomaranse partir do 6 de xuño, coas saídas da Ruta dos Faros e a Ruta da Ribeira Sacra. O programa pecharase o 3 de outubro coa Ruta dos Queixos.
O programa de Trens Turísticos de Galicia, que se celebra desde 2013, alíñase coa Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia e a súa aposta pola sostibilidade como fío condutor e elemento transversal a todas as medidas. Ademais, permite avanzar na desestacionalización do destino, ao propoñer viaxes en datas fóra da tempada alta. Tamén abunda na redistribución da oferta, achegando a turistas a destinos máis aló dos lugares de maior demanda.