A Xunta lanza un proxecto pioneiro de reciclaxe téxtil na Rede Pública de Albergues do Xacobeo na súa aposta pola sostibilidade
“A Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa sustentabilidade no Camiño de Santiago cun proxecto de reciclaxe téxtil na Rede Pública de Albergues, na procura de darlle unha segunda vida aos residuos xerados tanto polos propios establecementos como polos peregrinos ao longo das rutas xacobeas”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, no decurso da presentación do proxecto de reciclaxe de residuos téxtiles que se implanta de forma pioneira en tres albergues da Rede Pública do Xacobeo, concretamente, nos de Monte do Gozo, San Lázaro e Fisterra. No acto tamén participou a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia salientou que esta iniciativa incide na aposta pola sustentabilidade no Camiño de Santiago e no turismo en xeral, na medida en que redunda na liña de actuación desenvolta pola Xunta de Galicia. Así, Xosé Merelles lembrou que a Rede Pública de Albergues foi recentemente galardoada co Premio Q 2026 do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostenibilidade (ICTES) pola súa aposta pola sustentabilidade turística. Este galardón recoñecía que en 2025, un total de 25 albergues da rede pública do Xacobeo acadaron a certificación da marca S de Sustentabilidade Turística. En conxunto, son xa 31 os albergues galegos que contan con esta acreditación, que recoñece as boas prácticas ambientais e de xestión sostible no sector turístico.
O proxecto de reciclaxe téxtil foi presentado hoxe precisamente, no albergue do Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, e desenvolverase en colaboración coas empresas Insertega, de tratamento de residuos, e Samaín Servizos á Comunidade, responsable da implantación e coordinación operativa do proxecto na Rede Pública de Albergues, así como da xetión ambiental e do seguimento técnico do proxecto. “A iniciativa pretende transformar residuos téxtiles —como sabas, roupa ou calzado— en novos materiais útiles, fomentando así un modelo de economía circular vinculado á xestión turística do Camiño”, afirmou Xosé Merelles.
Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, “este proxecto piloto iníciase en tres albergues nos que se instalarán contedores específicos para a recollida selectiva de residuos téxtiles: os de Monte do Gozo e o de San Lázaro, en Santiago de Compostela, e o de Fisterra”. A selección destes puntos responde a que Monte do Gozo e San Lázaro se sitúan no final do Camiño Francés, o itinerario máis transitado, mentres que Fisterra tamén é un destino final habitual para moitos peregrinos, “polo que se considera un lugar idóneo para a recollida de roupa ou calzado que xa non resulte útil tras completar a ruta”.
Ademais da roupa e do calzado dos peregrinos, o proxecto tamén permitirá a recollida e reciclaxe das sabas empregadas nos albergues. Este servizo estará dispoñible nos tres establecementos participantes no piloto e, de maneira complementaria, o persoal de ruta encargarase de trasladar a estes puntos as sabas procedentes doutros albergues da rede.
Tras esta primeira fase piloto, está prevista a ampliación progresiva da iniciativa a outros albergues da Rede Pública ao longo do ano 2026. Na actualidade, esta rede está composta por 77 establecementos que ofrecen máis de 3.000 prazas de aloxamento para peregrinos.
Un proxecto de economía circular
O proxecto presenta unha porcentaxe de circularidade do 100%, xa que durante o proceso non se xera residuo e os materiais resultantes reincorpóranse á cadea de valor como novas materias primas.
Así, o calzado poderá transformarse en materiais para mobiliario, solos, revestimentos ou recheos; a roupa servirá para producir novos fíos destinados á confección de prendas; e as sabas poderán reutilizarse na elaboración de diversos produtos, como tecidos, bolsas, uniformes, roupa de cama ou toallas.
Ademais, todo o proceso estará perfectamente trazado, o que permitirá recompilar datos sobre a cantidade de residuo téxtil xestionado e calcular a pegada de carbono evitada grazas á iniciativa. Esta información trasladarase tamén aos peregrinos a través dunha Guía de Boas Prácticas elaborada con motivo da certificación da marca S de Sustentabilidade Turística.