12 mar 2026

Xosé Merelles anima aos concellos de menos de 10.000 habitantes a optar ás axudas para mellora dos recursos turísticos

A Xunta de Galicia vén de publicar unha nova convocatoria da liña de axudas destinada á mellora das infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes, cun orzamento de 2 millóns de euros. “O prazo para presentar as solicitudes abrirase o vindeiro 17 de marzo ás 12.00 horas”, segundo salientou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, animando aos concellos a optar á esta convocatoria que foi publicada no Diario Oficial de Galicia

O director de Turismo de Galicia xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron a actuación realizada no acceso á Praia da Madalena, en Cabanas, á que Xosé Merelles se referiu como “un dos exemplos dos proxectos apoiados na convocatoria do pasado ano”.

Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, “a convocatoria busca impulsar e consolidar a oferta turística no rural a través da recuperación, a mellora da accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos”, contribuíndo a poñer en valor a riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes territorios. “Os proxectos poderán seren subvencionados ata o 100% do orzamento, cun máximo de 30.000 euros por actuación”, subliñou.

Estas axudas permitirán financiar actuacións moi diversas orientadas á mellora e posta en valor dos recursos turísticos locais. “Entre elas, inclúense o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a recuperación e tratamento paisaxístico das contornas, a iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a creación de miradoiros paisaxísticos e rutas de sendeirismo”, explicou o director de Turismo.

En definitiva, segundo subliñou Xosé Merelles, “con esta liña de apoio, a Xunta busca seguir fortalecendo o turismo no rural galego, contribuíndo á dinamización económica do territorio e á posta en valor dos seus recursos naturais, culturais e patrimoniais”.

Na convocatoria correspondente ao ano 2025, financiáronse 67 proxectos en toda Galicia, cun investimento total de 2 millóns de euros. Por provincias, resultaron beneficiarios 16 concellos da Coruña, 14 de Lugo, 31 de Ourense e 6 de Pontevedra.

Melloras en Cabanas

Entre os proxectos apoiados na provincia da Coruña atópase o desenvolvido polo Concello de Cabanas, centrado na recuperación, embelecemento e tratamento paisaxístico do paseo litoral da Praia da Madalena, cun investimento de 29.737,03 euros no marco das axudas de Turismo de Galicia.

A actuación tivo como elemento vertebrador a mellora e ornamentación das rotondas existentes no paseo, que se converteron nun elemento paisaxístico singular e recoñecible.

O proxecto incluíu a instalación de iluminación ornamental en dúas glorietas, así como o redeseño e acondicionamento do conxunto das seis rotondas existentes, reforzando a súa integración na contorna litoral. Finalmente, completouse coa plantación de nova arboreda na rotonda principal co obxectivo de potenciar o valor paisaxístico do conxunto.

Arriba