Turismo de Galicia premia cunha bolsa de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia ao alumno gañador do concurso ‘Talentos by Abril’
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixo entrega do premio da cuarta edición do concurso Talentos by Abril que recaeu no alumno Héctor Fandiño, do Instituto de Educación Secundaria Valle de Aller (Asturias) e que consiste nunha bolsa de estudos para realizar o Curso Superior de Chef en cociña e Pastelaría no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG). Precisamente, as instalacións deste centro foron o escenario da celebración do concurso no que participaron 8 finalistas, alumnos todos eles de centros de Formación Profesional de Galicia, Asturias, Castela León, Madrid, Castela A Mancha e Euskadi.
O galardoado tamén foi nomeado cociñeiro residente de Aceites Abril durante un ano, unha oportunidade para continuar perfeccionando a súa formación nun centro de referencia na preparación de profesionais da gastronomía e do turismo. O certame pretende reivindicar o talento das novas xeracións de cociñeiros e a importancia do produto como base da gastronomía. A iniciativa pon o foco no alumnado que se forma nas aulas dos centros de ensino vinculados á hostalería e na capacidade destes futuros profesionais para reinterpretar a tradición culinaria a partir da calidade das materias primas.