A Xunta destaca o auxe do turismo de cruceiros en Galicia, con preto de 790.000 pasaxeiros e un impacto crecente nas cidades portuarias
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, visitou a oficina de atención ao crucerista da empresa galega Miramar Cruises, situada no porto da Coruña que conta co apoio da Xunta de Galicia. Xosé Merelles aproveitou para lembrar o bo estado de forma desta modalidade turística, que vén de experimentar un crecemento constante tras da pandemia.
En concreto, antes de 2020 o cruceirismo en Galicia representaba o 3% do conxunto de España. A partir de 2022, este superou o 4% ata situarse no 4,9% en 2024, e no 5,6% en 2025, ano no que se rexistraron preto de 790.000 pasaxeiros de cruceiros nos portos de Galicia -un 25% máis que no ano anterior-. Os dous portos que concentran a actividade son os da Coruña e Vigo, que absorberon o 59% e o 39% do total respectivamente.
Xosé Merelles lembrou o “impacto importante nas economías locais das cidades” desta modalidade turística e traduciuno a datos económicos: “O gasto medio do turista internacional está en 124,12€, unha cifra moi superior á do gasto medio, situado en 86,25€. Ademais, o cruceirismo contribúe á desestacionalización da demanda, ao achegar visitas ao longo do ano”.
O director de Turismo de Galicia, que recibiu aos máis de 6.000 pasaxeiros do cruceiro Iona, da compañía británica P&O Cruises, subsidiaria de Carnival Corporation, salientou as vantaxes de Galicia como escala dos grandes barcos. “Ten unha situación estratéxica nas rutas marítimas internacionais, pero ademais conta con infraestruturas portuarias de primeiro nivel e ofrece recursos turísticos de grande atractivo para as persoas visitantes, como a nosa enogastronomía”.
Merelles tamén puxo en valor á empresa galega Miramar Cruises. Fundada en 2012 nos viveiros da Fundación CEL de Lugo e establecida na Coruña desde 2016, neste tempo consolidouse como unha referencia no mercado español de cruceiros online. Para o director da Axencia, isto proba a rica economía arredor desta modalidade de turismo na comunidade e as posibilidades que supón.
A Coruña
O porto da Coruña rexistrou en 2025 máximos históricos de tráfico de cruceiros, cun incremento do 14% respecto ao ano anterior. Foron 184 escalas e 465.199 pasaxeiros, que deixaron un impacto económico de arredor de 40M€. Para 2026 están previstas 180 escalas de cruceiros e que se superen os 460.000 visitantes.