23 mar 2026

A exposición `Camelia, flor de Galicia’ impulsa co apoio da Xunta a oferta turística de Santiago de Compostela en Semana Santa

“O Pazo de Fonseca acollerá a exposición Camelia, flor de Galicia do 2 ao 4 de abril, reforzando a proposta turística de Santiago de Compostela durante a Semana Santa”. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a presentación da mostra que ademais, de consolidar este recurso como singular e identitario de Galicia, contribuirá nesta ocasión  “a enriquecer a experiencia dos visitantes e a reforzar o posicionamento da cidade como destino de referencia”.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que esta proposta “sumarase á oferta cultural da cidade xerando contido adicional aos actos propios da Semana Santa en Santiago”, dando a coñecer un produto turístico singular de Galicia á vez que promociona outra das propostas impulsadas por Turismo de Galicia, ao redor desta flor como é a Ruta da Camelia que tamén forma parte dos itinerarios dos Trens Turísticos de Galicia.

Nesta liña, sinalou tamén que “apostar por produtos como a Ruta da Camelia en Flor é clave para avanzar cara a un modelo turístico máis sostible e desestacionalizado, que poña en valor o noso patrimonio natural e cultural ao longo de todo o ano”. Esta ruta inclúe actualmente 19 espazos singulares entre xardíns e recursos asociados da comunidade.

Coa mostra presentada, a Xunta enxalza tamén o patrimonio cultural, natural e artístico, combinando este produto con actividades complementarias vinculadas coa enogastronomía, o turismo de natureza e o patrimonio arquitectónico, segundo apuntou o director de Turismo de Galicia.

A mostra, que terá lugar no Claustro do Pazo de Fonseca os días 2, 3 e 4 de abril con acceso libre, combina a tradición botánica da camelia con elementos representativos do traxe galego. Máis de 200 variedades desta flor emblemática poderán contemplarse nunha coidada montaxe escenográfica que incorpora, como novidade este ano, instalacións audiovisuais para enriquecer a experiencia do visitante.

Organizada por Turismo de Galicia en coordinación coa Sociedade Española da Camelia e a Universidade de Santiago de Compostela, a exposición contará coa participación de 25 coleccionistas e entidades, entre as que se atopan asociacións e institucións de referencia no ámbito da camelia, consolidando así o carácter especializado e de calidade da proposta.

Finalmente, o director de Turismo de Galicia destacou que “a relevancia deste tipo de iniciativas cobra especial importancia nun contexto no que os datos turísticos recentes amosan unha desaceleración na chegada de visitantes á cidade” e engadiu que “a exposición da camelia contribúen a dinamizar a demanda, atraer novos públicos e consolidar Santiago como un destino atractivo fóra de tempada”.

Arriba