24 mar 2026

Xosé Merelles impulsa ante o sector empresarial galego en Cataluña o destino Galicia nun mercado que xa supón o 6,6% do turismo nacional

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou nunha mesa redonda no marco dun encontro coa Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña na que destacou o interese que está espertando o destino Galicia no mercado catalán tal e como reflicten os datos turísticos relativos a visitantes e peregrinos desta comunidade. En 2025, o turismo catalán representou o 6,6% do total nacional en Galicia, con máis de 345.000 viaxeiros e preto de 630.000 noites. No que se refire a peregrinos, o pasado ano 21.813 cataláns realizaron o Camiño, o que representou o 9,57% do total nacional.

Na súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor o Camiño de Santiago como patrimonio inmaterial e un modelo de turismo sostible que impulsa as economías locais e contribúe á desestacionalización. Ademais, adiantou que de cara ao Xacobeo 2027, a comunidade reforza a súa proxección global, mentres aposta por propostas como a enogastronomía, o turismo MICE, apoiado en infraestruturas modernas e conectividade aérea, e experiencias singulares como a observación do eclipse do 12 de agosto, que situará Galicia no foco internacional. “Todo isto compleméntase cun modelo de turismo rural responsable, aliñado cos principios da Carta de ICOMOS, que pon en valor o territorio, a autenticidade e a sustentabilidade”, sinalou. Ademais, Xosé Merelles participou na presentación da Festa da Lamprea que tivo lugar no Centro Galego de Cataluña.

Arriba