Rueda destaca o compromiso da Xunta con diversificar a actividade turística por todo o territorio e ampliar a oferta no rural
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o compromiso do Goberno autonómico con diversificar a oferta turística por todo o territorio e impulsar novos proxectos no rural.
Durante a inauguración do camping Huttopia Caminos de Galicia no concello de Lalín, Rueda salientou que a instalación e a súa contorna é un exemplo “do que é Galicia Calidade” e “das cousas que paga a pena apoiar”. Ademais, destacou o incremento de viaxeiros que elixen os campings para aloxarse durante a súa visita á nosa comunidade, unha “forma de turismo que colle todo o bo que ten Galicia”. Así, dos preto de 9 millóns de turistas que chegaron á comunidade en 2025, 400.000 decidiron pernoctar nun destes establecementos, o que supón un 74% máis que hai unha década.
Neste sentido, o xeodestino Deza- Tabeirós foi o que máis medrou durante o pasado ano na comunidade. Esta zona de Galicia recibiu no 2025 a preto de 86.000 visitantes, o que supón un 120% máis que o ano anterior.
A Xunta traballa para que o sector turístico xere riqueza e emprego de calidade en toda a comunidade e durante todo o ano con diferentes iniciativas. Entre elas, os 4,5 millóns en axudas directas para que os establecementos turísticos realicen melloras nas instalacións, de eficiencia enerxética ou eliminen barreiras arquitectónicas; os 2 millóns de euros en apoios aos concellos de menos de 10.000 habitantes para promover a restauración e mellora de infraestruturas turísticas do municipio, ou diferentes medidas para impulsar proxectos enogastronómicos na comunidade.