27 mar 2026

A Xunta comparte co sector os preparativos do Xacobeo 2027 e aposta por intensificar a función inspectora para avanzar en competitividade

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presidiu a reunión do Consello de Turismo na que compartiu co sector a planificación da Xunta de Galicia neste eido para 2026 que se centra nos preparativos do Xacobeo 2027 e tamén no reforzo da inspección turística de cara a garantir un servizo atención de calidade e mellorar a competitividade.

Xosé Merelles referiuse ás principais liñas de traballo en marcha para a celebración do Xacobeo 2027, entre as que destacan o Plan Director de Patrocinios, o programa ‘O teu Xacobeo’ e o desenvolvemento das exencións fiscais para incentivar a participación empresarial.

Segundo explicou, o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 “establece por primeira vez un marco estruturado e transparente para a selección e financiamento de eventos vinculados á programación oficial”. Actualmente -dixo- está aberta a primeira fase, que consiste na recepción de propostas que redunden nunha programación diversa e complementaria para a celebración do Ano Santo.

Estas iniciativas van desde grandes eventos culturais, musicais ou deportivos ata congresos, encontros profesionais ou proxectos innovadores, con presenza en todo o territorio galego. Preténdese, apuntou, ter unha programación que “vertebre o territorio con proxección internacional”.

Por outra banda, o programa ‘O teu Xacobeo’ conta cun orzamento global de 3 millóns de euros para apoiar proxectos en 2026 e 2027, tanto de pequenas e medianas empresas como autónomos e entidades sen ánimo de lucro. “Esta iniciativa busca implicar á sociedade na construción do Xacobeo, promovendo propostas nos ámbitos cultural, social, deportivo e patrimonial que contribúan á dinamización dos Camiños de Santiago”, sinalou Xosé Merelles.

Ademais, o director de Turismo de Galicia destacou o programa de exencións fiscais, como outro das iniciativas incentivadoras para enriquecer a proposta do Xacobeo 2027, ao permitir ás empresas obter beneficios tributarios polas súas achegas ao evento. Aínda que este xa foi recoñecido como acontecemento de excepcional interese público, desde a Xunta “vimos insistindo reiteradamente na necesidade de axilizar os trámites estatais para facer efectivos estes incentivos”.

Balance do Plan de Inspección Turística 2025

O director de Turismo de Galicia tamén presentou os resultados do Plan de Inspección Turística de 2025, no que se realizaron un total de 3.697 actuacións, das que máis do 90% xa están pechadas. En xeral, centráronse principalmente en expedientes administrativos, reclamacións e informes previos, evidenciando “unha actividade inspectora intensa e orientada á mellora da calidade do sector”.

No caso das vivendas de uso turístico, desde 2017 abríronse máis de 200 expedientes, a maioría por infraccións leves e graves relacionadas coa normativa. Ademais, en 2025 déronse de baixa máis de 2.800 vivendas de uso turístico, o que supón máis do 10% do total, reforzando o control sobre as irregularidades neste tipo de aloxamentos.

De cara a 2026, Xosé Merelles subliñou que o Plan de Inspección intensificará as súas actuacións en ámbitos clave como a adaptación dos establecementos hoteleiros á normativa vixente, o control dos cámpings, a supervisión das vivendas de uso turístico, especialmente nas plataformas dixitais e a loita contra o intrusismo na actividade de guías turísticos, con especial incidencia en períodos de alta demanda. Neste sentido, quixo presentar xa algúns dos resultados desta acción, destacando que “nos primeiros meses de 2026 xa se deron de baixa 263 vivendas de uso turístico, mantendo a tendencia de control e ordenación do sector”.

O director de Turismo de Galicia quixo reafirmar tamén o compromiso da Xunta cun modelo turístico baseado na calidade, a sustentabilidade e a colaboración co tecido empresarial, “co obxectivo de consolidar Galicia como un destino competitivo e preparado para o reto do Xacobeo 2027”.

Finalmente, o Consello de Turismo aprobou a declaración de festas de interese turístico de Galicia a Festa da Ameixa de Campelo, en Poio; a Noite Meiga de Sarria e a Romaría de Santa Minia, en Brión. Este é o paso previo á súa ratificación definitiva por parte do Consello da Xunta de Galicia.

Arriba