Medio Rural recibe preto de mil solicitudes de axuda na convocatoria do Leader deste ano, un 65 % máis con respecto á anterior
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; asistiu á inauguración do proxecto turístico Cabanas do Navia, situado no concello de Navia de Suarna, o cal contou co apoio da Consellería na súa posta en marcha a través do programa Leader. Neste sentido, a conselleira salientou que na convocatoria 2026 destas axudas recibíronse preto de 1.000 solicitudes, o que supón un 65 % máis que na anterior.
Explicou que este ano mobilizouse o maior orzamento da historia do Leader para o desenvolvemento rural en Galicia, con 28,7 millóns de euros para o período 26-28. Este reparto por anualidades permitirá aos xestores dos proxectos desenvolver a súa iniciativa con maior marxe de tempo.
A maiores, puxo en valor que estes apoios teñen unha repercusión positiva sobre o tecido socioeconómico das zonas rurais ao contribuír a mellorar as condicións para crear e manter emprego, así como favorecer a dinamización destas contornas ao xerar postos de traballo e asentar poboación. Deste xeito, salientou que a iniciativa de Cabanas do Navia é un exemplo das oportunidades que brinda o rural para todas aquelas persoas que queiran emprender no rural, promovida ademais por dous mozos que apostan por estas contornas como o seu medio de vida.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia salientou que proxectos como as Cabanas do Navia “reforzan o posicionamento de Galicia como un destino de natureza de calidade, cunha oferta de campings e aloxamentos sostibles que responden á crecente demanda dun turismo responsable e auténtico”. Segundo indicou, esta iniciativa nos Ancares “combina paisaxe, patrimonio e experiencia turística, contribuíndo a diversificar a oferta e a atraer visitantes que buscan tranquilidade, contacto co medio e identidade local”.
Así mesmo, destacou o papel dos fondos europeos como dinamizadores de propostas que xeran oportunidades económicas, poñendo en valor especialmente recursos da contorna rural, na que o contacto coa natureza é un elemento que máis valoran quen elixe visitar Galicia.
Cabanas do Navia
O proxecto de Cabanas do Navia recibiu unha achega de 100.000 euros procedentes da intervención Leader para a súa posta en marcha. Este orzamento favoreceu o impulso deste aloxamento turístico, que conta con 10 cabanas. Ademais, ofrece tamén actividades variadas para os turistas que visitan a zona como poden ser catas e maridaxes de produtos de proximidade e visitas guiadas; así como eventos vencellados directamente coa Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, que se produce na zona.