Xosé Merelles felicita ao Rompetiño por afianzarse como referente tras dez anos impulsando o turismo na comarca
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acudiron á Gala do 10º aniversario do Festival O Rompetiño, que se celebrará entre o 3 e o 5 de xullo en Porto do Son (A Coruña). Durante o acto, Xosé Merelles felicitou á organización do Rompetiño “por dez anos de traxectoria que contribuíron a afianzar esta cita como referente impulsando o turismo nesta comarca”.
O director de Turismo de Galicia lembrou o apoio da Xunta a eventos de variada índole a través de distintas fórmulas, “que permiten potenciar a programación turística do verán e reforzar as axendas de propostas de cada territorio que os acollen”. Ademais, a través deste tipo de ferramentas, favorécese a creación dunha rede de propostas turísticas en todo o territorio, que impulsen desde iniciativas máis locais a outras centradas en públicos máis específico pero que tamén de atractivo turístico.
Xosé Merelles lembrou, neste sentido, “a gran aposta que se está a facer desde o Goberno galego polo Xacobeo 2027”. Actualmente, está en marcha o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 para o patrocinio de eventos de gran impacto.
Ademais, tras pecharse a primeira convocatoria de O teu Xacobeo -as axudas a proxectos de entidades sen ánimo de lucro, autónomos e pemes-, en outubro abrirase unha nova convocatoria para aqueles proxectos que se vaian a desenvolver en 2027. “Este programa conta cun orzamento de 3M€”, como destacou Xosé Merelles.
Rompetiño X
Este festival anual de carácter musical, cultural e deportivo combina concertos, disciplinas de deporte urbano e actividades complementarias vinculadas á cultura nova e ao territorio. Na súa edición de 2025, completou o aforo na zona de concertos o venres e o sábado (5.000 persoas cada xornada), atraendo a arredor de 20.000 participantes.