A Xunta destaca que o novo uso enoturístico da Fábrica da Luz de Lugo reforza os recursos identitarios da oferta turística da cidade
O Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Et edendo, Lucus’ avanza no seu desenvolvemento a través dun novo impulso coa transformación da histórica Fábrica da Luz nun Centro de Enogastronomía, unha actuación, que segundo explicou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, “está chamada a reforzar o posicionamento turístico de Lugo e a consolidar a cidade como un destino de referencia arredor da gastronomía e dos produtos de proximidade”.
Xosé Merelles participou na inauguración da xornada ‘A gastronomía que non queremos perder’ que tivo lugar na Fábrica da Luz, un espazo remodelado no marco de dito PSTD que conta cun investimento de 2 millóns de euros financiados con Fondos Next Generation. Esta iniciativa facilita a aposta da Xunta pola diversificación da oferta turística e pola posta en valor dos recursos identitarios do territorio.
Durante a presentación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que "este proxecto representa unha nova oportunidade para seguir fortalecendo a oferta turística de Lugo desde un dos seus grandes sinais de identidade: a excelencia dos seus produtos, da súa gastronomía e do seu patrimonio". Neste sentido, subliñou que "a recuperación da Fábrica da Luz permitirá dotar á cidade dun espazo singular que reforzará a súa presenza nos circuítos turísticos e gastronómicos e xerará novas oportunidades para o tecido económico local".
Segmento estratéxico
Xosé Merelles lembrou que o turismo enogastronómico constitúe un segmento estratéxico para Galicia "pola súa fidelidade, elevada capacidade de gasto, superior á media nacional". “Os novos usos da Fábrica de Luz, ás orillas do Miño, permitirán fortalecer a presencia de Lugo nos circuítos turísticos e gastronómicos, poñendo o foco nos produtos locais e será unha ocasión para seguir impulsando o turismo en Lugo”, destacou.
Esta iniciativa chega nun momento especialmente favorable para o turismo lucense. No acumulado do ano, a cidade incrementou nun 22,6% o número de viaxeiros respecto ao mesmo período do ano anterior, un comportamento que, segundo Xosé Merelles, "confirma que Lugo está gañando atractivo como destino urbano e que proxectos como este contribuirán a consolidar ese crecemento nos próximos anos".
O proxecto forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘Et edendo, Lucus’, un dos trece plans integrados no Plan Territorial de Enogastronomía de Galicia impulsado pola Xunta, cun investimento global de 34,5 millóns de euros procedentes dos Fondos Next Generation. A través deste programa, Turismo de Galicia continúa apostando pola creación de novos produtos turísticos sustentables, a valorización do patrimonio e o impulso da competitividade dos destinos galegos.