Xosé Merelles destaca o atractivo turístico de Tui que estrea iluminación sostible na Catedral
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu á inauguración da iluminación da Catedral de Tui, renovada ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño: Despensa de Galicia, ao abeiro dos fondos Next Generation. Xosé Merelles destacou o carácter sustentable da iluminación artística. “A Catedral de Tui renova desde hoxe a súa imaxe nocturna combinando o uso de tecnoloxía led con criterios de eficiencia enerxética ao tempo que reduce o impacto ambiental na fachada”, apuntou.
Merelles definiu a localidade como un “enclave estratéxico” polo seu pasado xacobeo. “Iluminar con criterio artístico e eficiencia enerxética este emblemático ben é unha decisión que esperamos que teña tamén un impacto turístico extraordinario”, resumiu.
Desde a Xunta de Galicia estanse a realizar traballos de asesoramento e seguimento para poñer en valor o potencial de Tui, que se mantén como o 2º punto de inicio máis elixido de todos os Camiños de Santiago, só por detrás de Sarria. “É unha posición que converte a cidade nun dos grandes referentes do movemento xacobeo europeo”, sinalou o director.
A vila é tamén unha das paradas centrais do Camiño Portugués, que no que vai de 2026 foi percorrido por máis de 46.000 persoas, un 13% máis que no mesmo período de 2025.
Investimento en Tui
Xosé Merelles referiuse a outras actuacións do Goberno galego cos que se quere mellorar o carácter turístico da vila. En concreto, a Xunta rehabilitou o Cárcere Vello de Tui co obxectivo de poñelo en funcionamento como centro de acollida de visitantes e peregrinos, de cara ao Xacobeo 2027, para o que actualmente se está a traballar na dotación de contido. En total, investíronse máis de 500.000€ no marco do Plan Xacobeo Next Generation.