Turismo de Galicia impulsa o cicloturismo sostible coa II Marcha EuroVelo Compostela
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no corte de cinta da saída da II Marcha EuroVelo Compostela onde salientou que iniciativas coma esta contribúen a consolidar Galicia como un destino de turismo deportivo e sostible, ao combinar a práctica da bicicleta coa riqueza patrimonial do Camiño de Santiago e cun modelo de turismo slow.
Neste sentido, lembrou que a sustentabilidade é un dos piares da estratexia turística da Xunta, que traballa para reforzar o recoñecemento internacional de Galicia como exemplo de turismo responsable e de calidade. Ademais, salientou as dúas rutas da Rede Eurovelo que percorren a xeografía galega e que teñen en Fisterra a súa meta. Segundo sinalou, esta infraestrutura permite impulsar un produto turístico con gran potencial de crecemento, favorecer a mobilidade sostible e dinamizar economicamente os territorios polos que discorren as rutas, nun contexto no que o turismo deportivo xa supera os 31 millóns de euros de gasto anual en Galicia.