A Xunta reforza a promoción entre os axentes turísticos de Estados Unidos como mercado internacional prioritario
Turismo de Galicia continúa desenvolvendo o seu Plan de Promoción Turística 2026 coa organización dunha viaxe de familiarización, do 6 ao 9 de xullo, dirixida a turoperadores dos Estados Unidos. A acción ten como obxectivo reforzar o coñecemento da oferta turística galega entre profesionais estadounidenses, o segundo mercado internacional que máis turistas achega a comunidade galega.
Os participantes chegan a Santiago de Compostela no voo directo de United Airlines desde Nova York para iniciar un percorrido por algúns dos principais recursos turísticos de Galicia. Ao longo da súa estancia, coñecerán propostas vinculadas ao patrimonio histórico, a cultura, a enogastronomía, o turismo mariñeiro e o benestar. O programa comezará en Santiago de Compostela, onde realizarán unha visita guiada polo casco histórico seguindo a ruta da Camelia e descubrirán os seus principais elementos patrimoniais da cidade, incluída unha visita aos tellados da Catedral.
Ademais, achegaranse ata diferentes puntos das Rías Baixas. Entre as actividades programadas, os turoperadores coñecerán a tradición vitivinícola da Denominación de Orixe Rías Baixas cunha cata de viños. Posteriormente terán a oportunidade de participar nunha oferta de turismo termal e de benestar. Tamén poderán vivir unha experiencia mariñeira na ría de Arousa a bordo dunha embarcación e descubrir as bateas e o cultivo do mexillón.
Esta acción enmárcase na estratexia de promoción internacional de Turismo de Galicia para consolidar a presenza do destino nos Estados Unidos, o segundo mercado estranxeiro en nivel de turistas. En 2025, foron 274.866 os viaxeiros que se achegaron ata Galicia e fixeron 403.379 noites. A través deste tipo de viaxes de familiarización, permítese que profesionais do sector turístico coñezan os recursos e experiencias que ofrece Galicia e que incremente a comercialización do destino.
Plan de Promoción Turística 2026
A viaxe forma parte das accións do Plan de Promoción 2026 de Turismo de Galicia, que inclúe iniciativas de promoción internacional dirixidas a turoperadores, medios de comunicación e creadores de contido dos principais mercados emisores. O obxectivo é reforzar o posicionamento de Galicia como destino de referencia a nivel internacional e continuar avanzando na súa estratexia ante a proximidade do Xacobeo 2027. A Xunta inviste 13 millóns de euros no desenvolvemento desta planificación que este 2026 inclúe 150 accións de promoción, que permitirán achegar o destino Galicia a arredor de 20 mercados.