Turismo de Galicia salienta en Ribeira o valor das Festas de Santa Uxía para prolongar a actividade turística máis alá da tempada estival
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu ás Festas de Santa Uxía de Ribeira, unha proposta que constitúe un exemplo do valor das celebracións populares como elemento de dinamización turística e económica. A festividade pon en primeiro plano a tradición, a cultura e o patrimonio local, contribuíndo a reforzar a identidade desta vila mariñeira e a proxectala como un destino auténtico e singular.
A celebración ten como obxectivo honrar á patroa de Ribeira, nunha combinación do compoñente relixioso cunha programación de ocio para diferentes públicos. O apoio da Xunta a este tipo de celebracións enmárcase na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, pola súa capacidade para xerar actividade económica e turística, ademais de favorecer o incremento de visitantes no peche da tempada de verán. Neste sentido, os bos resultados rexistrados durante a época estival evidencian a contribución das festas e actividades culturais á oferta turística galega, con preto de 4 millóns de viaxeiros e un ingreso económico de máis de 242 millóns de euros, case un 6% máis que no 2025.