24 out 2026

A Xunta pon en valor dúas décadas de autocaravanismo en Galicia protagonizadas pola Asociación Galega de Autocaravanas

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na celebración do XX aniversario da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 2006 para promover esta alternativa para coñecer Galicia. Durante o encontro, Xosé Merelles puxo en valor o papel desta modalidade de turismo na diversificación da oferta galega, ao favorecer a chegada de visitantes a destinos de todo o territorio, contribuír á desestacionalización e xerar actividade económica en establecementos hostaleiros, mercados, adegas e negocios locais.

O director de Turismo salientou que Galicia foi pioneira na regulación deste tipo de turismo, coa aprobación en 2019 dun decreto de campamentos que incorporou unha categoría específica para instalacións exclusivas de autocaravanas. Así mesmo, destacou a colaboración cos concellos para ampliar e mellorar a rede de áreas de acollida e servizo, especialmente nos municipios rurais, a través de convenios e dunha liña de axudas de tres millóns de euros destinada a concellos de menos de 10.000 habitantes. Estas actuacións permiten mellorar os servizos para os viaxeiros e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade económica e contribuír á fixación de poboación no territorio.

 Xosé Merelles subliñou tamén que o turismo en autocaravana representa unha oportunidade para avanzar cara a un modelo máis diversificado e repartido polo conxunto de Galicia, ao facilitar que os visitantes descubran novos lugares e contribúan á economía das comunidades locais. Neste sentido, destacou tamén a importancia da Asociación Galega de Autocaravanas como interlocutora do sector para avanzar na mellora das infraestruturas, na ordenación dos estacionamentos e na promoción dunha modalidade turística respectuosa co territorio.

Datos turísticos

O director de Turismo de Galicia tamén fixo referencia aos últimos datos turísticos publicados polo Instituto Nacional de Estatística este venres que destacan sobre todo o crecemento en viaxeiros e noites en establecementos hoteleiros da comunidade (hoteis e pensións) no pasado mes de setembro. Así, os viaxeiros incrementáronse o 5,7% e as noites aumentaron o 7% só no mes de setembro e referíndose aos datos recollidos en hoteis e pensións, a falta de coñecer aínda os rexistros dese mes en establecementos de turismo rural, cámpings e albergues, entre outros.

No que vai de ano, son xa 5,7 millóns de visitantes os que rexistrou a comunidade galega que fixeron máis de 1,2 millóns de noites e deron lugar a uns ingresos económicos no sector de 394,5 millóns de euros, un 7,4% máis que nos nove primeiros meses de 2025.

Arriba