A Xunta presenta en Ottawa a oferta turística galega para reforzar a súa promoción no mercado canadense
Turismo de Galicia desenvolve unha acción de promoción dirixida a profesionais do sector turístico canadense, co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos de Galicia e reforzar a súa presenza neste mercado internacional. A iniciativa, en colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) de Toronto, conta coa participación da directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, que presentou a oferta turística da comunidade, facendo especial fincapé na súa diversidade en recursos patrimoniais e naturais, na gastronomía e na riqueza da súa oferta cultural e experiencial.
Este encontro permite estreitar relacións cun mercado que rexistra un crecemento no número de visitantes, ademais de identificar novas oportunidades de colaboración e avanzar no posicionamento de Galicia como destino de calidade, sostible e diferenciado. A acción enmárcase na estratexia de promoción en mercados internacionais de Turismo de Galicia, que busca incrementar a súa visibilidade no exterior e atraer visitantes interesados en descubrir este destino máis alá dos seus principais reclamos turísticos.