Galicia promoveu o Camiño de Santiago e o turismo de negocios nas feiras Expocatólica de São Paulo e Confecblue de Marbella
A Ruta Xacobea presentóuse no certame de turismo relixioso máis importante de Latinoamérica
A oferta turística galega relacionada co Camiño de Santiago e o turismo de negocios tivo a pasada fin de semana dúas citas internacionais nas feiras Expocatólica de São Paulo e Confecblue, na cidade malagueña de Marbella.
No ámbito da Ruta Xacobea, o departamento de Turismo da Xunta contou cun recinto de 24 metros cadrados para difundir os valores do Camiño de Santiago entre os asistentes ao certame, tanto público xeral como operadores turísticos especializados.
Trátase da feira especializada en turismo relixioso máis importante de Latinoamérica e que se desenvolve en Brasil, un pais do que Galicia recibiu o ano pasado 4.113 peregrinos, e no que vai de ano máis de 1.800, o que supón un incremento de máis do 16% en relación ao mesmo período do ano anterior.
Turismo de negocios
Por outra parte, Turismo de Galicia continúa co programa anual para a promoción da oferta de turismo de negocios da Comunidade galega ao longo de 2017 coa participación no workshop ConfecBlue, celebrado en Marbella (Málaga).
Deste xeito, durante catro días, representantes do departamento de promoción turística da Xunta de Galicia manterán 25 xuntanzas de traballo con outros tantos operadores turísticos especializados ao obxecto de difundir e apoiar a comercialización dos recursos galegos relacionados cos congresos, as convencións e as reunións de empresa.
O evento ConfecBlue 2017 reuníu aos principais axentes europeos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios aos que Turismo de Galicia presenta as posibilidades que ofrece a Comunidade galega nesta modalidade turística.