28 feb 2013

TURISMO PROMOCIONA ESTA FIN DE SEMANA A OFERTA TURÍSTICA GALEGA EN LISBOA E O TURISMO ORNITOLÓXICO E DE NATUREZA EN ESTREMADURA

Turismo de Galicia participa ata o domingo 3 de marzo na Bolsa de Turismo de Lisboa (BTL) cun stand propio.

Os portugueses supoñen o primeiro mercado emisor internacional co 21,5% do total de turistas do exterior e o 94,3% dos excursionistas.

Ademais, a oferta turística da comunidade relacionada coa natureza e a ornitoloxía preséntase na VIII Edición de FIO- A Feira Internacional de Ornitoloxía que se celebra en Cáceres.

Galicia na BTL

Turismo de Galicia presentará esta fin de semana a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago en Portugal, dentro da principal feira de Turismo do país veciño: a Bolsa do Turismo de Lisboa (BTL).

Nesta edición, Turgalicia acudirá cun stand propio de 81 metros cadrados no que se promocionará toda a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago, que contará cun mostrador propio dentro do recinto galego.

Turgalicia presentará nesta ocasión os recursos turísticos galegos baixo o paraugas da marca Galicia que inclúe os produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Mananciais de Galicia, Bosques de Galicia, Patrimonio oculto, Paseando entre viñedos, Turismo mariñeiro, Ruta da Camelia, Santuarios máxicos, Faros e praias salvaxes e Lugares únicos.

Ademais, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia difundirá entre o público asistente á feira o mapa de Xeodestinos de Galicia, no que se distribúen as 14 zonas turísticas do territorio galego.

Mercado portugués

 
Os portugueses son tradicionalmente o mercado emisor máis importante para a Comunidade galega. Así, no ano 2011, os turistas procedentes do país veciño supuxeron o 21,5 % do total dos estranxeiros que visitaron Galicia, un total de 171.909 persoas aloxadas en establecementos regrados galegos.

Ademais, o ano pasado, máis de 5,6 millóns de portugueses realizaron visitas sin pernoita –excursionismo- á Comunidade galega, o que supuxo o 93,4% do total dos excursionistas que recibiu Galicia en 2011, segundo os datos de Frontur, do Instituto de Estudios Turísticos.

Galicia ornitolóxica en FIO


Turismo de Galicia traballa na posta en valor da oferta ecoturista da comunidade para atraer novos fluxos turísticos, poñer en valor o patrimonio natural e desenvolver a actividade turística en diferentes áreas da comunidade e tamén en diferentes estacións do ano. Unha das accións de promoción enmarcadas nesta estratexia é a participación na Feira Internacional de Ornitoloxía de Estremadura, un punto de encontro para profesionais e afeccionados á natureza no contorno do Parque Natural de Monfragüe. En Galicia téñense identificados 61 espazos de interese ornitolóxico que abranguen tanto áreas de costa como de interior ou contornas urbanas. A feira FIO é o maior evento deste tipo celebrado en España e inclúe, entre outras actividades, obradoiros profesionais, xornadas técnicas, concursos de fotografía, rutas guiadas polo campo e sesións para nenos.

Co gallo de dar continuidade á promoción do turismo ornitolóxico de Galicia, Turismo de Galicia acode esta fin de semana a Villareal de san Carlos, en Cáceres, para participar en FIO e colaborar con outras entidades supramunicipais e locais, así como vinculadas ao turismo de natureza, a observación de fauna, etc. Tamén se manterán encontros con axentes comercializadores desta oferta.

Entre outras accións, no ano 2012 editouse un suplemento da revista Quercus, cunha descrición daquelas dez zonas de Galicia consideradas de maior atractivo para o avistamento de aves, una manual que ser repartirá na FIO.

Segundo os datos da organización do evento feiral prevese a participación duns 70 expositores e a visita de máis de dez mil persoas.

Arriba