19 feb 2014

Promoción do Turismo galego en Alemaña e Navarra

Turismo de Galicia participará nas feiras FREE, en Munich, e Navartur, en Pamplona.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, promocionará ao longo desta semana os valores, produtos e servizos turísticos da Comunidade galega no mercado turístico de Alemaña dentro da feira especializada FREE. Ademais, entre os días 21 e 23 de febreiro, Turismo de Galicia participará na feira Navartur, ao obxecto de promocionar Galicia para o mercado navarro

Deste xeito, entre os días 19 e 23 de febreiro, a Xunta participará con dous módulos de promoción dentro do recinto de España na feira FREE, en Múnich.

Trátase dun certame turístico que engloba, ademais de destinos, unha ampla oferta dedicada a actividades relacionadas co tempo libre e a natureza: cámping, caravaning, ciclismo, náutica ou hípica.

Esta é unha feira consolidada que se celebra desde o ano 1970, polo que o público da área metropolitana de Múnich é moi fiel a este certame, na procura de novidades que lle axuden na planificación das súas vacacións.

Navartur

Por outra parte, técnicos de Turismo de Galicia participarán en Navarra na feira Navartur que se celebrará entre os días 21 e 23 de febreiro na cidade de Pamplona.

Turismo de Galicia asiste cun stand de 64 metros cadrados, difusor dos valores turísticos de Galicia e do Camiño de Santiago, un dos produtos turísticos máis demandados polos visitantes desta feira.

 

Arriba