19 mar 2014

Turismo de Galicia promoveu a oferta turística galega na feira Mitt de Moscova

Axentes turísticos de Xapón visitaron tamén Galicia nunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia.

O recinto de Galicia, na feira MITT de Moscova.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia promoveu a oferta turística galega e o Camiño de Santiago entre os días 19 e 22 de marzo dentro da 21 edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebrou na capital de Rusia, Moscova.

Esta feira constitúe o evento sectorial de turismo máis importante dos que se celebran en Rusia e está aberta tanto aos profesionais como a público xeral.

Turismo de Galicia participou neste acontecemento en coordinación coa Oficina de Turismo de España en Moscova, tendo en conta o crecemento deste mercado nos últimos anos.

Esta é a terceira vez que Galicia participa nesta feira, onde se consolidaron os contactos iniciados cos operadores turísticos rusos en anteriores edicións e abríronse novas canles con outros empresarios de turismo rusos e outros mercados satélites.

Operadores xaponeses
Por outra parte, un grupo de sete operadores turísticos xaponeses visitaron a comunidade galega para coñecer in situ a oferta turística de Galicia, dentro dunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia. Trátase de consolidar os contactos realizados polo organismo de promoción do turismo de Galicia na misión a Xapón encabezada pola súa directora, Nava Castro, e organizada por Turismo de Galicia hai uns meses.

Os operadores turísticos xaponeses que visitaron Galicia son membros da Asociación de Axencias de Viaxe Xaponesas (JATA) e durante a súa estadía percorreron distintos lugares da xeografía galega.

Na súa primeira xornada na comunidade galega, os operadores turísticos xaponeses estiveron na cidade de Santiago de Compostela, con visitas á catedral e aos centros monumentais e urbanos máis importantes da cidade e tamén se achegaron á Cidade da Cultura de Galicia. O día 20 de marzo visitaron a cidade de Pontevedra e as Rías Baixas, con paradas en Sanxenxo e Portonovo, A Lanzada, a Illa da Toxa e un cruceiro pola Ría de Arousa. Tamén visitaron unha adega de albariño e o Pazo de Rubiáns, incluído na Ruta da Camelia.

Xuntanza de traballo
Os operadores xaponeses mantiveron unha xuntanza de traballo en Santiago cos operadores turísticos galegos especializados en receptivo para o mercado xaponés.

Logo, visitaron o Monte do Gozo para tomar contacto co Camiño de Santiago e desprazáronse ata á Coruña para realizar un tour pola cidade herculina.

Arriba