20 dec 2013

A directora de Turismo inaugurou a nova oficina de información turística e mais a sala de exposicións de Verín

Nava Castro e mais o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán presidiron hoxe o acto de inauguración dos novos espazos para uso turístico e cultural da Casa da Xuventude. A Vía da Prata conta cun novo punto de información para os turistas e peregrinos grazas ao convenio asinado entre Turismo de Galicia e o Concello de Verín para acometer as obras de adecuación dos espazos. A cifra de peregrinos que percorreron este ano a Vía da Prata medrou este ano un 4,18%, a respecto do mesmo período do ano anterior

A directora de Turismo inaugurou a nova oficina de información turística e mais a sala de exposicións de Verín

Unha nova oficina de información para os turistas e visitantes á localidade, así como unha sala para acoller mostras ou actividades culturais é o resultado do convenio asinado entre Turismo de Galicia e o Concello de Verín para realizar as pertinentes obras de adecuación da Casa da Xuventude. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, foi a encargada de inaugurar esta mañá en Verín os novos espazos de uso turístico e cultural que amplían a oferta de servizos da Vía da Prata.

Segundo apuntou Nava Castro, dada a situación estratéxica deste importante enclave, como é Verín, “consideramos axeitado ampliar e reforzar os servizos turísticos de información que se ofertan neste concello principalmente para adecuarse a situación turística actual onde o comportamento da demanda se caracteriza por ter máis experiencia e coñecementos”. A directora de Turismo recalcou que as oficinas de turismo xogan un papel fundamental na información. “O importante é ter un acceso doado á información completa e precisa e de xeito inmediato porque isto contribúe a mellorar a imaxe do destino, a fidelizar ao viaxeiro e a incrementar a calidade dos servizos turísticos”, dixo.

A nova oficina de Turismo de Verín incrementará a calidade do servizo de información personalizada do destino ao turista ao mesmo tempo que existe un feed-back, recibindo dos viaxeiros a información do perfil da demanda para o destino. “Este intercambio de información constante é o que permite a un destino adaptarse ás necesidades da demanda”, explicou Castro.

Segundo comentou a directora de Turismo de Galicia esa información é “necesaria para a procura da fidelización e para adecuar a oferta de Galicia aos gustos e preferencias dos visitantes, que en definitiva, son os auténticos protagonistas”. E engadiu que Verín constitúe “un punto estratéxico para obter información dalgúns dos nosos mercados emisores máis potentes”. Comentou, así mesmo, que o servizo de información turística é fundamental para coñecer as necesidades dos viaxeiros ao tempo que eles coñecen os recursos e infraestruturas de Galicia comezando pola oferta turística e cultural de Verín.

Incidencia no principal mercado emisor internacional
Nava Castro explicou que o país veciño é o primeiro mercado emisor internacional cun volume do 19% dos viaxeiros internacionais aloxados en establecementos regrados da nosa comunidade segundo os datos do INE do ano pasado. Tamén é o noso primeiro mercado emisor de excursionistas segundo os datos de Frontur. Nos dez primeiros meses deste ano este excursionismo cífrase en 3,27 millóns, polo que o seu peso chega ao 93,2% do total internacional.

Ao tempo, Nava Castro comentou que Verín tamén é un enclave “substancial á hora de recibir aos turistas polos seus propios recursos, onde destaca o Camiño de Santiago, a oferta asociada ao turismo de saúde e ao termalismo e mais os recursos etnográficos e culturais como o Entroido”.

O ano pasado 8.163 peregrinos percorreron a Vía da Prata, un 1,27% máis con respecto ao ano anterior. E este ano, próximo a rematar, xa chegaron 9.000 peregrinos por este itinerario, o que supón un incremento do 4,18% con respecto ao mesmo período do 2012. “Isto reflexa o interese dos peregrinos por coñecer esta ruta e o seu extenso patrimonio histórico - artístico e cultural”, comentou Nava Castro.

Na oficina de Información Turística de Verín os turistas e peregrinos poderán coñecer a oferta aloxativa, a de restauración así como a de recursos turísticos da zona vinculados ao seu patrimonio artístico e arquitectónico, pero tamén ao seu patrimonio inmaterial, ás tradicións e costumes.

Arriba