20 feb 2014

Turismo de Galicia e ASNAUGA colaboran na realizacón dunha travesía entre Italia e Galicia para conmemorar o VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

O Consello da Xunta autorizou a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia-ASNAUGA para a organización desta Travesía Náutica Xacobea que terá Xénova como porto de partida e chegará aos portos galegos de Portonovo, Ribeira e Cabo de Cruz. - Unha pequena flota desprazarase dende Inglaterra e Francia ata as Rías Baixas –e pasará por Ribadeo, Sada, Ares, Portosín e a Ría de Arousa- con motivo desta peregrinación marítima que durará 24 días

O Consello da Xunta autorizou hoxe a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e mais a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia-ASNAUGA para a celebración da Travesía Náutica Xacobea. Esta acción de colaboración enmárcase nas actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago (1214-2014) que se celebran ata mediados de 2015 en Galicia.

A travesía de peregrinación náutica celebrarase entre os meses de maio e xuño e durará 24 días con paradas en distintos portos. O punto de partida será o porto de Xénova en Italia ata chegar a Galicia onde recalará nos portos con Q de Calidade de Portonovo, Ribeira e Cabo de Cruz. A peregrinación marítima unirá polo tanto a cidade italiana e mais os portos galegos no marco da celebración do VIII Centenario, un programa de actividades culturais, artísticas, sociais e con actuacións de investigación e iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico cuxo obxectivo é impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea de San Francisco de Asís.

Con motivo da celebración da travesía, tamén está previsto que unha pequena flota se desprace dende Inglaterra e Francia ata as Rías Baixas, percorrendo tamén Ribadeo, Sada ou Ares, así como Portosín e a Ría de Arousa.

A Asociación de Clubs Náuticos de Galicia-ASNAUGA foi constituída no ano 2003 e é a única existente en Galicia representativa deste sector, é unha entidade que ten por obxectivo a promoción e comercialización do turismo náutico en Galicia.

A colaboración entre Turismo de Galicia e ASNAUGA pretende promocionar e divulgar o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, así como a cultura e o patrimonio marítimo da comunidade, ao tempo que se promove a protección do ambiente. Ao tempo, contribúe á posta en valor turística dos portos deportivos galegos; á difusión da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, así como a proxección de Galicia como destino turístico

Arriba
Axúdanos a mellorar!