12 feb 2014

Nava Castro incide na importancia de distinguir o Destino Galicia pola súa oferta segmentada, desestacionalizadora e sustentable

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez interveu hoxe en Ribeira nas xornadas de formación turística que contaron coa presenza do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; do presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Antonio Miranda e mais do experto turístico, Domènec Biosca. -O Plan Integral de Turismo de Galicia centrou a intervención de Nava Castro, que recalcou a necesidade de poñer en valor os recursos diferenciais e de traballar na desestacionalización turística do destino Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu hoxe nas xornadas de formación turística coordinadas polo experto turístico Domènec Biosca e que contaron coa presenza no acto inaugural do Alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas e mais do presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Antonio Miranda.

Durante a xornada de apertura, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez abordou a incidencia na economía galega do sector turístico e recalcou a achega ao mesmo de preto do 11% do Produto Interior Bruto, así como a súa repercusión e transversalidade con respecto a outros sectores económicos.

De igual modo, incidiu na competitividade e na capacidade do turismo para xerar imaxe e atracción para outros sectores empresariais, así como a súa potencialidade de requilibrio territorial, xeración de cohesión social e desenvolvemento do territorio.

A directora de Turismo afondou nas liñas fundamentais do Plan Integral de Turismo de Galicia, un plan baseado no consenso e a cooperación, que fomenta a colaboración interadministrativa. Segundo dixo, “o plan será a nosa folla de ruta para a evolución turística do destino porque nel concrétanse retos como o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial tanto nos nosos principais mercados emisores como nos mercados emerxentes”.

Segundo explicou Castro, a través da posta en marcha das accións que integran as liñas estratéxicas do plan perséguese a consolidación do destino como diferencial e multiexperiencial, así como a consecución dunha oferta segmentada e desestacionalizadora. Ao tempo recalcou a necesidade de que Galicia sexa un modelo de turismo sostible e conte cun sector turístico competitivo, proactivo, innovador e coordinado, e con visión internacional.

Segundo dixo, os factores de éxito están en potenciar a oferta diferencial, ofrecer experiencias únicas e adaptadas a todos os segmentos e épocas do ano, para diminuír a estacionalidade, potenciar a calidade e buscar a excelencia nos produtos e servizos turísticos galegos.

“Temos que ser capaces de captar e fidelizar fluxos turísticos e, sobre todo, traballar da man na busca do consenso e a cooperación para configurar un marco xerador de oportunidades”, explicou a directora de Turismo.

As xornadas formativas continúan mañá xoves, tamén no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira. O encontro analizará os novos factores de éxito das empresas do sector turístico así como os novos factores de éxito dun Municipio Turístico e inclúe charlas e casos prácticos.

Arriba